Xa se poden solicitar as axudas para o transporte de estudantes en Monforte

RibeiraSacraXa
O Concello tamén dispuxo nas pasadas semanas unha liña de axudas de 25.000 euros para a adquisición de libros de texto e material escolar complementario
transporte-monforte
27 sep 2024

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que este sábado, 28 de setembro, estará aberto o prazo de presentación de solicitudes para as axudas ó transporte de estudantes universitarios e de ciclos de formación, logo da publicación das bases que regulan estas axudas no Boletín Oficial da Provincia de Lugo. Así, o prazo de presentación destas axudas rematará o 25 de outubro de 2024, incluído.

En concreto, pode optar a estas axudas para os gastos de transporte público ás distintas universidades o alumnado universitario empadroado no Concello de Monforte, así como o alumnado de ciclos medio e superior de Formación Profesional e Bacharelato que teñan que desprazarse fóra do Concello de Monforte, por non existir oferta formativa do ciclo ou bacharelato elixido neste municipio, ou non ter obtido praza na oferta local no curso.

Neste senso, o rexedor, José Tomé Roca, indica que “con esta liña de axudas, que incrementamos en 5.000 euros con respecto ao mesmo período do 2021, e en 11.000 euros con respecto ó ano 2020, dende o Equipo de Goberno contribuímos a facilitar os desprazamentos daqueles estudantes monfortinos que cursan estudos fora do noso Concello, ben sexa no ámbito universitario, ben noutro tipo de disciplinas que non se ofertan na nosa cidade. O noso compromiso coas políticas sociais é firme, e neste caso, somos conscientes das necesidades que os nosos estudantes teñen á hora de desprazarse fora dos seus fogares e da súa cidade”.

Deste xeito, o Equipo de Goberno do Concello fixou a contía destas axudas en 25.000 euros para os gastos de transporte do curso 2024/2025, en concreto, do período establecido entre setembro do 2024 e ata xullo do 2025.

En relación co ámbito educativo, o Concello tamén dispuxo nas pasadas semanas unha liña de axudas de 25.000 euros para a adquisición de libros de texto e material escolar complementario, que foron destinados a 232 solicitudes de bonos axuda a familias de Monforte, que son 50 solicitudes máis que en 2023, un 27 % máis.

As instancias para participar neste concurso atópanse a disposición dos interesados na páxina web municipal e ditas solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello ou, no seu caso, nos rexistros e oficinas a que se refire o artigo 38.4 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e de Procedemento Administrativo Común.

0.15022492408752