Xa se poden reservar as rutas en catamarán pola Ribeira Sacra

RibeiraSacraXa
A Deputación abriu este xoves o prazo de reservas para realizar as rutas polos ríos Miño e Sil, que comezarán o vindeiro 19 de marzo
catamaráns deputacion lugo
25 Feb 2021

A Deputación de Lugo vén de abrir o prazo de reserva para participar nas rutas en catamarán polos ríos Miño e Sil, que comezarán a realizarse o vindeiro 19 de marzo e se manterán ata finais de ano. Pódese elixir entre dous percorridos: a ruta fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos, ou a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que transita polo Saviñao, Pantón e Chantada.

Desde hoxe, as persoas interesadas en coñecer a Ribeira Sacra a bordo dos catamaráns da institución provincial poden acceder xa á páxina web reservas.rutasembalses.es para facer as súas reservas, ou ben facelo a través do correo electrónico catamaranes.turismo@deputacionlugo.org ou chamando ao teléfono 982 260 196, de luns a venres, entre as 09:00 e as 14:30 horas.

O servizo de catamarán, lembran desde a Deputación, funcionará adaptándose ás medidas establecidas polas autoridades sanitarias en cada momento e seguindo protocolos propios da institución para extremar a prevención e a contención da covid-19. Ao igual que a temporada pasada, o aforo das embarcacións verase reducido á metade e a frecuencia das viaxes está adaptada para evitar que nos embarcadoiros se produzan concentracións de persoas.

No caso da ruta fluvial Canón do Sil funcionarán dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas 107 no catamarán Mencía e 52 no monocasco Canón do Sil. Pola súa banda, a ruta fluvial Cabo do Mundo contará cunha capacidade total de 72 viaxeiros. Será obrigatorio o uso de máscara durante toda a viaxe e realizaranse servizos de desinfección para previr o contaxio pola covid-19.

No vindeiro mes de marzo, os catamaráns navegarán do venres 19 ao domingo 21 e do sábado 27 ao mércores 30, mantendo os horarios de mañá e tarde. Nos meses de abril e maio as rutas serán de mércores a domingo e, con motivo do Día das Letras Galegas, tamén o luns 17 de maio. En xuño, xullo, agosto, e ata o 12 de setembro, haberá rutas de luns a domingo, en horario de mañá e tarde. A partir do 12 de setembro e ata a ponte de decembro pasarán a funcionar de mércores a domingo, con dúas viaxes por día.

POSTOS VACANTES

A Deputación informou tamén de que mantén aberto o proceso de selección de 10 postos vacantes para a prestación do servizo das rutas en catamarán pola Ribeira Sacra, encargado á empresa pública Tragsa.

En concreto, precísanse 6 persoas para desenvolver os labores de informador de turismo, 2 para o de mariñeiro e 2 para o de patrón portuario da mariña mercante. Estas persoas desenvolverán o seu traballo dende o inicio da temporada.

A información completa do proceso de selección pódese consultar na web da Axencia de Colocación da Deputación de Lugo.

0.18171405792236