Xa se poden desfrutar dos paseos en barca polo río Cabe de Monforte ata finais de setembro

RibeiraSacraXa
Xa se poden desfrutar dos paseos en barca polo río Cabe de Monforte ata finais de setembro para as persoas interesadas
1 Xul 2023

Comeza a nova tempada dos tradicionais paseos en barca polo río Cabe de Monforte, “unha actividade que conta con moita aceptación tanto entre os monfortinos e sobre todo, nas persoas que nos visitan durante estes meses de verán”, explica o alcalde, José Tomé.

Desde hoxe, 1 de xullo, e ata o vindeiro 30 de setembro, o río Cabe será escenario dunha interesante, divertida e refrescante proposta no verán da cidade, unha actividade que está organizada polo Concello de Monforte de Lemos coa colaboración da Deputación de Lugo e o Clube de Piragüismo Quixós.

O punto de inicio dos percorridos é o embarcadoiro do Parque dos Condes e cada paseo, dunha duración de media hora, custará 3,25 euros, como en anos anteriores.

Horarios e normas

Os paseos en barca terán lugar de luns a venres entre as 18.00 e as 22.0 horas, mentres que durante os sábados, os domingos e festivos incluirán, ademais dese horario de tarde, o horario de mañá de 11.00 a 14.00 horas.

Por outra banda, as persoas interesadas en subirse á barca terán que cumprir unhas normas de seguridade, que indican que a capacidade máxima das barcas será determinada polo encargado do servizo, os usuarios contarán con chalecos salvavidas, se son solicitados, e seguirase en todo momento as instrucións do persoal encargado da actividade.

Por último, o alcalde defendeu que "hai diversos aspectos que contribúen a que este evento sexa moi significativo dentro da actividades culturais de verán en Monforte: a súa relevancia na recuperación do río Cabe e o seu contorno como elemento patrimonial de primeira orde en Monforte, o seu papel de acontecemento dinamizador de actividade a carón do río e o fomento que a actividade supón para manter vivo en xeracións de todas as idades o amor pola rica tradición fluvial local en particular e galega en xeral”, concluíu Tomé.

0.19498014450073