Xa remataron as obras de mellora da contorna da ruta de Quiroga a Vieiros
O Concello de Quiroga rematou as obras para mellorar a ruta cara a Fervenza dos Vieiros que se iniciaron o pasado ano.
Integráronse en total cinco cascadas nunha ruta de Quiroga a Vieiros (un percorrido de aproximadamente uns 25 km), na que se poden visitar as fervenzas do Pombar e a Pedriña na Cruz de Outeiro, as fervenzas do Fócaro e das Gurbias na Seara e a fervenza de Vieiros.
Facilitouse o seu acceso mediante a divulgación, a unificación da sinalización e a mellora dos camiños. Para elo contouse cun investimento para a Rede Natura 2000 da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de 23.859 euros repartido en dúas anualidades (2022 – 2023).
Ademais de acondicionar e sinalizar os percorridos, a ruta xa se pode seguir a través da aplicación de internet Google maps, coñecendo os detalles do acceso a cada un dos puntos, descargar a ruta para gps e mesmo seguila nun teléfono móbil.
A primeira anualidade deste proxecto serviu para a sinalización das fervenzas e a limpeza dos seus accesos.
Os traballos nesta segunda anualidade centráronse no acondicionamento, mediante escaleiras de madeira en dous resaltes rochosos do terreo e no acondicionamento do sendeiro coa recolocación de bloques de rocha soltos no treito inferior na fervenza do Pombar.
Na sinalización e na colocación de varanda de madeira no miradoiro da fervenza das Gurbias. E na sinalización do aparcadoiro, colocación de panel con recomendacións para a visita no aparcadoiro e reforzo da seguridade con colocación de varanda de madeira na ruta da fervenza de Vieiros.