Xa hai máis de 400 persoas inscritas para participar no Quiroga Trail Challenge
A XI Edición da proba líder do trail running galego, o Quiroga Trail Challenge, mantén o número de inscritos da pasada convocatoria, con máis de 400 inscritos nun mes.
O QTC’ 25 celebrarase os días 15 e 16 de febreiro e contará de novo coa axuda de máis de 100 voluntarias e voluntarios, imprescindibles no seu labor, novos patrocinadores e a implicación total do Concello de Quiroga como co-organizador.
O sábado, no territorio Castelo, os participantes máis expertos e resistentes estrearán a Ultra Atrium Vitis, de 83 km e 5000 metros de desnivel positivo, na que poderán ascender ao Pico Pía Paxaro, desfrutar das fervenzas máis simbólicas do Xeoparque Montañas do Courel e pasar por pobos singulares como Paradaseca, Rugando, Outeiro, Vilarbacú, A Seara e Paradapiñol. Un percorrido duro e equilibrado, onde se mestura o paso por soutos, viñas, ríos e montañas que transmiten toda a esencia do Courel.
Outra novidade importante é o nacemento dunha nova ultra de 53 km Casa de Outeiro, con 3100 metros de desnivel positivo. Deseñada para aqueles que queren dar o salto da maratón á distancia ultra.
Para os maratonianos, manterase o maratón Casa do Estanco, de 42 km e 2400 metros de desnivel positivo, co percorrido da pasada edición en sentido inverso, que resultou todo un éxito. Unha boa proba de resistencia mental e física que compendia perfectamente a natureza do Xeoparque cos seus camiños primitivos.
Continúa o Trail Fisiosport, de 29 km e 1100 metros de desnivel positivo. Unha distancia intermedia que destaca pola súa tecnicidade; apta soamente para os que gusten da auga e do barro.
E, por último, as distancias para os que empecen neste deporte: o MiniTrail Bodegas EDV, de 17 km e 1100 metros de desnivel positivo, e A Carreiriña Finca Millara, de 10 km e 400 metros positivos, outra das novidades desta edición, na que tamén poderán estrearse os corredores máis noveles, a partir dos 14 anos.
Para os andaríns, hai dúas opcións tamén: a clásica Andaina Coureleando, de 17 kms, ou a Andaina O Galeirón, de 10 km, outra das novidades deste ano. Ámbalas dúas comparten os percorridos do minitrail e da carreiriña, respectivamente.
O domingo, xa en territorio doLor, os participantes poderán descubrir os rincóns máis recónditos do Courel no trail de 29 km, con 2000 metros positivos; no minitrail de 17 km, con 1250 metros de desnivel positivo, ou estrear tamén a Carreiriña Finca Millara, de 9 km e 700 metros positivos, a partir dos 14 anos.
A opción de andaina repetirase o domingo tamén polo territorio doLor, coa Andaina O Galeirón, de 9 km e 700 metros positivos, compartindo o percorrido da carreiriña.
Os máis atrevidos, corredores e andaríns, tamén terán a posibilidade de participar en circuíto os dous días.
Desde a organización do evento queren transmitir a súa satisfacción polo éxito acadado no primeiro mes: “Que un 26 % dos participantes sexan de fóra de Galicia e que un 24 % sexan mulleres, son datos, sen dúbida, moi positivos que nos ilusionan e animan para continuar traballando con máis ganas aínda; pero, sobre todo, a maior recompensa é o feito de comprobar que, ano tras ano, contamos cun elevado número de fieis participantes que marcan o QTC como cita fixa nos seus calendarios deportivos”, coméntanos Blas Rodríguez e José Manuel Barreiro, directores da proba.
Vintecatro provincias e once comunidades autónomas representadas ata o momento, destacando a presencia de Castela e León, Madrid e Canarias. Coas tarefas de desbroce xa iniciadas, informan de que hai percorridos listos xa para adestrar.