Xa foron elixidos os 10 finalistas do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra
RibeiraSacraXa
Este 19 de xullo o xurado reuníase para seleccionar as 10 ideas que agora deberán presentar o seu proxecto rematado antes do 30 de setembro
22 Xul 2024
Prémianse aos finalistas da X edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra, á que se presentaron 85 ideas; a maioría das ideas corresponden a xente de Galicia e do territorio Ribeira Sacra, chegando tamén propostas de León, Sevilla, Madrid, Barcelona, Las Palmas e do norte de Portugal.
Este 19 de xullo o xurado reuníase para seleccionar as 10 ideas que agora deberán presentar o seu proxecto rematado antes do 30 de setembro.
As ideas seleccionadas polo xurado do X Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra son:
- ALGASLIME: microalgas vivas solidificadas que optimizan a rega e a fertilización, beneficiando tanto aos agricultores como ao medio ambiente. AlgaSlime é un produto innovador deseñado para mellorar a eficiencia do uso da auga e os nutrientes nos cultivos. Grazas ás microalgas, retense auga no chan e libéranse nutrientes lentamente, mellorando a estrutura e a saúde do chan.
- ENZICAS, ACELERADORA DE QUESOS Y EMBUTIDOS CON CASTAÑAS: ENZICAS BIO SL, empresa cualificada como Startup por ENISA e fundada en 2022, expón o desenvolvemento dun ingrediente alimentario de orixe natural para empregar na maduración de queixos e embutidos. O ingrediente está baseado nun fungo filamentoso desenvolvido a base de castañas.
- FICAR AQUÍ, PORTAL DE EMPREGO: Creación dun sitio web que recolla a oferta de emprego, que atenda as necesidades do tecido empresarial das empresas do rural galego, e poña en valor os seus recursos, chamando a atención sobre as necesidades existentes e favorecer o emprendemento. O obxectivo é conectar aos diferentes protagonistas no panorama da xeración de emprego e oportunidades de empregabilidade (Administracións, empresas e profesionais) e concentrar toda a información sobre oferta e demanda nun único portal web.
- FUNGUSVID: Proponse a introdución de micorrizas arbusculares na plantación de vides. As micorrizas son fungos que establecen unha relación simbiótica coas raíces das plantas, mellorando a absorción de nutrientes e a saúde do solo sen necesidade de fertilizantes químicos. Melloran tamén a resistencia das plantas ao estrés abiótico, como a seca e as enfermidades.
- GENMA & NAZA CHEESECAKES: Produción artesanal de tortas de queixo desde o compromiso coa calidade, a sustentabilidade e o apoio á economía local. Utilízanse produtos locais e galegos de alta calidade para elaborar as tortas, garantindo frescura e autenticidade en cada bocado. Resalta os sabores tradicionais de Galicia e apoia aos agricultores e provedores da rexión, fortalecendo a economía.
- PIEL NATURA: Cosmética sólida ecolóxica e aromaterapia galega para o benestar. Liña de cosmética galega con extracto de castiñeiro. Innovación e creación de novas liñas de produtos, programas de formación e experiencias turísticas na Ribeira Sacra.
- RESPIRO SOSTIBLE: Produción de produtos de papel ecolóxicos utilizando residuos de céspede e herba como materia prima principal. Fabricación de papel hixiénico, recambios de borradores de lousa e papel de cociña, todo iso mediante un modelo de economía circular que reduce os impactos ambientais adversos asociados á produción de papel convencional.