Xa están en marcha as obras para construír a Residencia da Terceira Idade de Pantón

RibeiraSacraXa
Para a execución destas obras a Fundación San Rosendo destina 1.500.000 euros e contan cun prazo de ano e medio
obras-residencia-de-Pantón
9 Out 2024

Neste mes de outubro deron comezo as obras da Residencia da Terceira Idade de Pantón, despois de que os meses de verán se utilizaran para facer os desterres necesarios para comezar coa execución.

A futura residencia da terceira idade que xestionará a Fundación San Rosendo, constrúese nunha leira ao carón da Praza do Concello, por baixo da casa da cultura, entre as rúas Fernández Núñez e Ourense.

O Concello de Pantón cedeu estes terreos para a construción da residencia, as obras foron adxudicadas a comezos de verán á empresa Gómez Crespo.

Para a execución destas obras a Fundación San Rosendo destina 1.500.000 euros, contan cun prazo de execución de ano e medio, polo que en decembro do vindeiro ano deberían estar rematadas.

As instalacións da nova residencia da terceira idade de Pantón terán capacidade para 36 prazas e suporán a creación de 25 postos de traballo.

“Ter en marcha as obras da residencia é a culminación a xestións que traerán maiores facilidades de atención para a veciñanza de máis idade. Desde o Concello de Pantón queremos que a nosa xente maior, que non pode ter outro tipo de coidados, poida pasar en Pantón a maior parte do seu tempo nas mellores condicións posibles. A posta en marcha desta residencia suporá un servizo moi importante”, destaca o alcalde de Pantón, José Luis Álvarez.

0.19717907905579