Xa están en marcha as obras de mellora nunha das vías urbanas da cidade, a rúa Abeledos

RibeiraSacraXa
O proxecto afecta a unha lonxitude de 98 metros lineais por 5,53 metros de ancho, o que supón unha superficie de 542 metros cadrados
mellora-en-Abeledos-Monforte
5 Xuño 2024

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa do inicio das obras de mellora nunha das vías urbanas da cidade, a rúa Abeledos, no Barrio do Hospital.

Cabe recordar que o pasado mes de novembro de 2023, o rexedor explicou, en rolda de prensa, que dende o Concello acometeuse con este proxecto “outra das obras inacabadas despois de case 20 anos é, a urbanización da rúa Abeledos na marxe dereita, entre a rúa Irmáns Dapena e a Ronda María Emilia Casas Baamonde, incluída no Estudo de Detalle da urbanización “Las Acacias”, que foi promovida por “CYCS01 CONSTRUCCIONES Y REHABILITACIÓN S.L.”, e que aínda está pendente de realizar as obras”.

Polo tanto, a mellora da marxe dereita da rúa Abeledos levarase a cabo por execución subsidiaria, é dicir, que o Concello levará a cabo esta actuación e a empresa que tiña que ter levado a cabo no seu día estas obras de mellora e urbanización será a que teña que asumir os custes da mesma. José Tomé salienta que “con esta actuación, quedará rematada toda a urbanización que corresponde ó proxecto de “LAS ACACIAS”, e polo tanto quedará mellorado todo o barrio do Hospital. Está claro que este Equipo de Goberno defende o interese público, por riba de calquera interese particular”.

O proxecto afecta a unha lonxitude de 98 metros lineais por 5,53 metros de ancho, o que supón unha superficie de 542 metros cadrados. O custo do proxecto de licitación é de 75.606,89 euros, que serán repercutidos ó titular da urbanización.

As obras que se están a realizar consisten na apertura da caixa para a dotación de servizos de saneamento, abastecemento, alumeado e comunicacións; o peche da parcela lindeira con bloques de formigón de cara vista. Construción dunha beirarrúa peonil con bordo e baldosas de formigón, sobre soleira e zahorra, a dotación de firme no carril lindante coa beirarrúa coa colocación dunha nova capa de rodadura de aglomerado en quente, tipo D-12 de 5 cm. de espesor; e procederase ao pintado de marcas viarias, de símbolos e cebreados.

0.14786100387573