Xa está todo listo para que Monforte acolla a XX edición da Feira Medieval

RibeiraSacraXa
O Concello de Monforte xa ten listos os preparativos para que esta fin de semana, o 30 e 31 de marzo, a cidade retorne ó seu pasado medieval, a través da celebración da XX edición da Feira Medieval de Monforte.
Cartel XX Feira Medieval Monforte 2024
29 Mar 2024

O Concello de Monforte xa ten listos os preparativos para que esta fin de semana, o 30 e 31 de marzo, a cidade retorne ó seu pasado medieval, a través da celebración da XX edición da Feira Medieval de Monforte.

Neste senso, o alcalde, José Tomé Roca, afirma que “hai motivos dabondo para visitar Monforte esta fin de semana, así que os días 30 e 31 de marzo esperamos que todos os monfortinos se impliquen na celebración da Feira Medieval e tamén esperamos que sexan moitas as persoas que nos visiten dende o resto de Galicia e do resto do Estado, ós que convidamos a compartir con nós este evento que chega ás 20 edicións”.

José Tomé tamén resalta que “por fin, neste ano 2024 alcanzamos a edición número 20 da Feira Medieval, e despois desta 20 edición, solicitaremos a declaración de Feira de Interese Turístico de Galicia, que esperamos ter recoñecida pola Xunta para a 21ª edición de 2025”.

O orzamento para este ano é o máis alto da historia, pasando de 41.127,17 euros no ano 2015, en que chegou o alcalde ao Goberno do Concello, ós practicamente 100.000 euros que se destinan neste ano 2023, cun incremento de case 59.000 euros dende 2015, é dicir, un 143 % máis.

O rexedor destaca a participación no Concurso de Traxes Medievais, que se fallará na tarde do domingo 31, coa inscrición en adultos, de 12 parellas e 7 persoas en modalidade individual, e en infantil, con 1 grupo, 3 parellas e 3 en individual.

No Concurso de Decoración de Balcóns, son 12 os participantes inscritos, mentres que no de Decoración de Establecementos comerciais e hostaleiros son 8 os anotados. Os gañadores tamén serán dados a coñecer o domingo 31 ás 19.00 horas na praza de España. Para estes tres concursos, o Concello destina máis de 2.000 euros en premios.

Principais novidades da XX Feira Medieval

Tal e como informou o Alcalde hai uns días, entre as principais novidades da Feira Medieval deste ano, incorpórase un novo espectáculo de animación de rúa no que os protagonistas serán 2 grandes elefantes manexados por 4 persoas especialistas, debido a que as súas dimensión requiren dunha coordinación precisa.

Os elefantes irán acompañados por un grupo de músicos e bailaríns que abrirán ó paso polas rúas a estes grandes animais, e sairán dende a praza de España polas rúas da Feira, o sábado e o domingo ás 20.00 horas.

Tamén serán novidosos os dous espectáculos que terán lugar na tarde-noite dos dous días de Feirao do sábado ás 21.30 horas na praza Luis de Góngora co espectáculo A Lenda das Meigas, que xira arredor da purificación das almas dos espíritos que percorren as rúas da cidade nas noites escuras; e o do domingo ás 21.00 horas na praza Campo de San Antonio co espectáculo Inanna, onde as acrobacias e a espiritualidade serán as protagonistas.

“Dado que gusta moito ás persoas que suben o sábado pola noite ata San Vicente, o ano pasado aumentamos o número de fachos de 100 a 200, un 100 % máis, e este ano respectaremos o incremento feito e como en edicións anteriores serán repartidos no Campo da Virxe”, destacou o alcalde.

Outra das novidades será a celebración o sábado ás 20.30 horas dun concerto a cargo do grupo de música medieval Grimorium, na praza de España.

Tamén se presenta como novidade a decoración polas rúas do Casco histórico nas que se recrea a Feira Medieval que se vai reordenar polo que aumentará a súa presencia nas zonas da cidade.

Destacará a decoración da Ponte Vella e os novos pendóns que decorarán o Concello na Praza de San Antonio. Neste senso, unha das colaboracións importantes que ten o Concello para a celebración da Feira Medieval, é coa Asociación de Artesáns de Monforte, que son os que se encargarán da montaxe do estrado na praza de España para os diferentes actos, así coma da elaboración dos elementos decorativos para rúas e prazas do Concello.

Eixos centrais do Programa da XX Feira Medieval

Como é tradición, o sábado 30 ás 12.00 horas, un grupo de bufóns desenvolverá na Praza de España un espectáculo no que informarán do que acontecerá a fin de semana na cidade de Monforte, e daranlle paso ó saúdo do alcalde, a través do cal declarará inaugurada a XX Feira Medieval de 2024 de Monforte.

Do mesmo xeito, e por oitava vez consecutiva, haberá unha salva de artillería, cunha réplica dunha bombarda do século XIV, para dar inicio oficial á Feira.

Dentro das actividades centrais da Feira, José Tomé destaca o Campamento Medieval da Praza de España, un dos eixos centrais da feira, a Programación infantil que terá lugar no Campamento infantil Medieval xunto ó Convento das Nais Clarisas, o Espectáculo de aves de rapiña e cetrería, as Xustas medievais, o Gran Torneo Medieval, os espectáculos de lume, as actividades de rúa ou os espectáculos nocturnos ideados para a Praza Luis de Góngora e para o Campo de San Antonio.

O Mercado Medieval, que ano a ano aumenta o número de participantes, alcanzará os 135 postos en 2024, con 41 postos de alimentación, 29 de comercio e 65 de artesanía. Unha cifra que supera en 5 postos á de 2023 e en 32 á de 2022, o cal supón todo un éxito de implicación, e que se une a un completo programa de actividades continuas ó longo de todo o casco histórico, os dous días de celebración do evento, “que constitúe unha das citas de ocio mais importantes de Galicia na fin de semana de Semana Santa”.

0.19009113311768