Xa está inaugurada a oficina de atención ó Peregrino de Monforte

RibeiraSacraXa
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou na mañá de onte a Oficina de Atención ó Peregrino de Monforte.
jose tome gloria prada
14 sep 2021

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou na mañá de onte a Oficina de Atención ó Peregrino de Monforte, que se ubica nos baixos do edificio do antigo Hotel Comercio, na céntrica praza de Doutor Goyanes.

Estas instalacións serán o lugar onde “lle daremos a benvida ós peregrinos e onde lles proporcionaremos información precisa sobre todo o que poderán descubrir na nosa cidade e na Ribeira Sacra”.

A oficina tamén disporá da Credencial do Peregrino, a Compostela, que poderá ser adquirida a un prezo de 2 euros e selada, xa que dende o Concello de Monforte fanse os quilómetros necesarios para a súa obtención.

Esta Oficina de Atención ó Peregrino abrirá todos os días da semana, en horario de mañá de 9 a 14 horas, e de tarde de 17 a 20 horas.

Dous espazos diferenciados

A Oficina configúrase a través de dous tipos de espazos diferenciados, pero tamén relacionados entre si.

En primeiro lugar, a Oficina constitúese coma Punto de información e atención tanto para peregrinos como turistas e visitantes. Para elo, na entrada da Oficina, ubícase un espazo de atención dotado dun mostrador, equipo informático, impresora, terminal telefónica e conexión wi-fi, necesarios para solventar todas as dúbidas que lle poidan xurdir ó visitante.

En segundo lugar, as instalacións albergan un Centro de interpretación do Camiño de Inverno, pois nelas disponse de información específica sobre o seu traxecto, con fotografías, documentación, proxeccións audiovisuais...

O visitante, poderá coñecer, a través de 3 paneis, ubicados na parte dereita da sala de interpretación, información sobre as orixes do Camiño de Inverno, sobre a súa arquitectura relixiosa, e sobre a arquitectura civil, o seu paso polas terras de Lemos.

Presentación da Guía e do Plano do Peregrino

Ademais, deuse a coñecer o material informativo e promocional do Camiño de inverno e Monforte. Trátase dunha guía e do plano do peregrino que, dende onte están xa a disposición dos peregrinos y visitantes.

Baixo o título Camiño de Inverno a Santiago, “dende o Concello de Monforte editamos este plano e esta guía pensados especificamente para os peregrinos que cheguen a esta oficina, e neles resaltamos os principais puntos de interese que se poden atopar tanto na ruta pola que transcorre o Camiño na cidade, como próximos a ela” explicou Tomé Roca.

Tanto o Plano como a Guía recollen a información en 3 idiomas: galego, español e inglés. A Guía do Peregrino está formada por 32 páxinas a toda cor. A súa portada recolle o Conxunto de San Vicente, enmarcado pola vieira, símbolo do Camiño de Santiago e dos peregrinos. A portada tamén destaca a Monforte de Lemos como Capital da Ribeira Sacra, identifica o Camiño de Inverno a Santiago coa inclusión da súa característica frecha amarela, e engade o lema Camiñando.

En canto ós seus contidos, a Guía recolle a descrición dos puntos de interese da cidade de Monforte que están na ruta pola que transcorre o Camiño de Inverno e próximos a el: Torre da Homenaxe, Pazo Condal, Mosteiro Benedictino de San Vicente do Pino, Museo do Ferrocarril, Praza de España, Xudaría, Muralla, Colexio de Nosa Señora da Antiga-Escolapios, Parque dos Condes, entre moitas outras.

En canto ó plano do peregrino, tamén é un desplegable de fácil manexo cuxa portada é como a da Guía do Peregrino, incorporando as pegadas (huellas), e sinalando as etapas do Camiño de Inverno que transcorren por Monforte, as etapas 4 e 5 Quiroga-Monforte-Chantada.

Despregando o plano, na parte que recolle a portada, engádese información de Monforte de Lemos, do Camiño de Inverno e da Ribeira Sacra, así coma teléfonos de interese, e fotografías dos principais elementos turísticos e gastronómicos da cidade.

0.19109511375427