Xa está en marcha a organización da XLI Feira do Viño de Quiroga
A comisión que se encargará da organización da XLI Feira do Viño de Quiroga tivo a súa primeira reunión, na que delimitaron a data exacta da súa celebración: o 8 e 9 de abril, como sempre en Semana Santa.
Nesta primeira xuntanza xa se presentaron novidades en canto a súa coordinación, polo que se presume que tamén haberá novidades no desenvolvemento da festa máis grande do municipio de Quiroga.
O alcalde, Julio Álvarez, será o encargado da parte institucional e do pregón; pero incorpóranse dous novos coordinadores. Pablo González, da adega EDV, será quen se encargue da parte vinícola do evento; mentres que José Manuel Pol, será o coordinador xeral.
A Feira do Viño de Quiroga xa deu un gran cambio na pasada edición, cando por primeira vez os adegueiros artesanais deron paso ao viño elaborado por adegas industriais da subzona Quiroga-Bibei.