Continúa a 10ª edición do Festival Cómico Festivo 'A rúa é vosa' de Monforte
A 10ª edición do Festival Cómico Festivo 'A rúa é vosa' deu comezo dentro do programa das Festas Patronais da cidade de Monforte.
A primeira das 12 actuacións programadas deste festival, que terá funcións os días 11, 12, 14 e 16, foi a da compañía Sempre Arriba, que representou na praza de España o espectáculo titulado 'C'est pos Possible', un espectáculo familiar que mestura a linguaxe clown coas acrobacias aéreas, e no que convidou ó público a se empapar coas emocións que esta personaxe vive en escena nunha viaxe cara ao reencontro cun mesmo e ao pracer de vivir e compartir.
Unha espectacular experiencia empregando o clown como linguaxe e en comunicación directa co público. Neste espectáculo, ponse de manifesto a dualidade: "Aprendemos a ser eficaces, a cumprir prazos e expectativas e esquecémonos de gozar e de sermos nós mesmos".
O Festival ten continuidade cos espectáculos de O Mago Noel ás 12.00 e 19.00 horas do día de hoxe, martes 13, na rúa do Cardeal e de Jano ás 13.00 e ás 20.00 horas desta tarde na praza de España.