Xa está aberto o prazo para inscribirse nos diferentes concursos de Entroido do Concello de Monforte

RibeiraSacraXa
O Concello de Monforte vén de aprobar as bases que van regular as actividades do Entroido deste ano 2024 e os interesados xa poden inscribirse nos concursos de Xoves de Compadres, Xoves de Comadres e Martes de Entroido, unha vez publicadas as bases e os formularios de inscrición na páxina web do Concello.
Entroido Monforte
10 Xan 2024

O Concello de Monforte vén de aprobar as bases que van regular as actividades do Entroido deste ano 2024 e os interesados xa poden inscribirse nos concursos de Xoves de Compadres, Xoves de Comadres e Martes de Entroido, unha vez publicadas as bases e os formularios de inscrición na páxina web do Concello.

“Para esta edición de 2024, dende o Equipo de Goberno decidimos incrementar a partida de premios en 3.000 euros, alcanzando os 21.000 euros, co obxectivo de animar á xente a que participe nestes concursos e contribúa ó éxito do noso Entroido”, salienta o alcalde, José Tomé Roca. Trátase da partida económica máis alta destinada polo Executivo de José Tomé para os premios dos diferentes concursos do Entroido.

“Incrementamos os importes en practicamente todas as categorías, e especialmente os premios ás Carrozas e ás Comparsas”, subliña o rexedor monfortino.

Programa

O primeiro dos eventos festivos programados para o Entroido monfortino é o concurso do Xoves de Compadres, que se vai celebrar o 1 de febreiro. Unha semana máis tarde, o 8 de febreiro, a cidade do Cabe acollerá o Xoves de Comadres. Finalmente, o Desfile de comparsas e disfraces do Martes de Entroido realizarase o 13 de febreiro, e o día seguinte, o mércores 14, terá lugar o Enterro da Sardiña.

O rexedor anima “a todos os monfortinos e monfortinas a participar nos diferentes concursos de Entroido que convocamos, e tamén animo a participar a xente doutros Concellos, dado que o Martes de Entroido destinamos unha partida de 2.500 euros para comparsas e disfraces de fóra de Monforte”.

Tanto para o concurso do Xoves de Compadres como para o de Comadres, a Concellería de Cultura de Monforte ten previstas tres convocatorias. Unha delas para os centros de ensino, outra para parroquias, barrios e rúas do Concello e por último, unha terceira de carácter individual, que concursará na praza de España.

Os criterios que seguirá o xurado para determinar os gañadores terán en conta a orixinalidade dos materiais empregados e tamén se vai valorar a montaxe, a elaboración e os materiais utilizados, o interese etnográfico e a crítica social. Cada un destes criterios terá unha valoración mínima do 10 % e a máxima será do 25% do total da puntuación.

Tanto no caso do Xoves de Compadres como no de Comadres, os premios para cada unha das convocatorias terán unha partida máxima de 1.900 euros e deberán inscribirse ata o vindeiro 31 de xaneiro ás 14.00 horas no caso do Xoves de Compadres e ata o 7 de febreiro no caso do Xoves de Comadres.

Martes de Entroido: Desfile de comparsas e disfraces

O día grande do Entroido en Monforte será o martes 13 de febreiro a partir das 17.00 horas na praza da Estación, e xa está aberto o prazo de inscrición ata o 9 de febreiro ata ás 14.00 horas para percorrer as rúas Calvo Sotelo, Roberto Baamonde, Cardeal Rodrigo de Castro e finalizará na praza da Compañía.

O Concello establece dúas modalidades claramente diferenciadas: unha delas para as comparsas e disfraces de Monforte de Lemos e outra para disfraces e comparsas de fóra do Concello.

A diferenza estará na contía dos premios, de tal xeito que o primeiro premio para as comparsas de máis de 90 compoñentes poderá chegar aos 1.200 euros e no caso das que sexan de fóra, ascenderá a 450 euros.

Por outra parte, haberá premios de 200 euros para a mellor comparsa tradicional, para a mellor posta en escena e a mellor música en vivo, mellor humor e mellor crítica de actualidade.

Os disfraces individuais concentraranse obrigatoriamente na praza da Estación ás 16.30 horas, onde o xurado as identificará. Logo, tanto as comparsas como os disfraces serán cualificados por lugares indeterminados do percorrido. Os criterios que seguirá o xurado para determinar os gañadores terán en conta a orixinalidade dos materiais empregados e tamén se vai valorar a montaxe, a elaboración e os materiais utilizados, o interese etnográfico e a crítica social.

0.19995284080505