Xa está aberto o prazo de inscrición para participar do concurso desfile de Entroido de Quiroga
O Concello de Quiroga presenta as bases do concurso desfile de comparsas, que terá lugar o domingo 11 de febreiro a partir das 17.00 horas que sairá dende a rúa Piscinas para percorrer a rúa Real ata a Casa Consistorial onde rematará cun baile de disfraces e unha invitación a chocolate con churros.
Neste concurso desfile poden participar todas as persoas que o desexen, tanto deste Concello coma doutros, sempre e cando se acollan as dúas modalidades de participación estipuladas, a modalidade comparsa, integrada polo menos por dez membros,e a modalidade disfrace individual, que como máximo agrupará tres membros por disfrace.
Cada participante nomeará un representante para formar parte do xurado, polo que o xurado cualificador estará composto por tantos membros coma comparsas e disfraces participen no desfile.
Os integrantes do xurado despois de asistir ao desfile valorarán a cada comparsa menos á que representa, valorarán a orixinalidade dos disfraces, a coreografía, a escenografía, a elaboración de vestiario e a elaboración da carroza.
Premios e bases de participación
Para a modalidade de comparsa, establécese un primeiro premio de 600 euros, un segundo premio de 300 euros e un terceiro premio de 200 euros. O resto das comparsas participantes recibirán 100 euros. Para a modalidade de disfrace individual, haberá un único premio ao mellor disfrace dotado con 60 euros.
Estes premios, que estarán suxeitos ao disposto na Lei 35/2006, do 28 de novembro, do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas, entregaranse na rúa Real, diante do Concello, ao remate do desfile.
Para participar no desfile é preciso inscribirse antes do 7 de febreiro na Casa da Cultura ou na Sede electrónica do Concello de Quiroga, onde tamén se poden consultar as bases, aportando a documentación precisa. A maiores, os máis pequenos contarán coa súa festa de disfraces o luns día 12, a partir das 17.00 horas.