Xa está aberta a Casa Museo 'Genia Trigo' do pintor e escultor Modesto Trigo en Sober
A Casa Museo 'Genia Trigo' do pintor e escultor Modesto Trigo xa abriu as súas portas en Gundivós, Sober, onde o alcalde do municipio, Luís Fernandez Guitián, xunto a membros da Corporación Municipal de Sober, o alcalde de Pantón, a tenente de alcalde de Monforte e xente do mundo empresarial de toda a zona; presentaron este novo espazo.
Ademais, tamén estivo o propio Modesto Trigo e o seu amigo e catedrático, Ilias Durán, quen tomou a palabra no acto xunto co alcalde de Sober e o propio pintor.
Guitián asegura que foi "unha xornada especial para Sober e para o conxunto da Ribeira Sacra. Esta Casa Museo é un proxecto que vai marcar un antes e un despois no mundo da cultura da comarca", remarcou.
O proxecto consta dun pequeno museo etnográfico, onde unha das tarefas fundamentais que levan a cabo é a recuperación material e inmaterial do campo galego. A exposición etnográfica está composta por pezas que se encontraban orixinalmente na casa, "e son demostrativas das pegadas da historia dos nosos ancestros", explican. Tamén se incorporaron novas pezas aportadas por colaboradores da zona.
Así, hai espazos para clases, talleres, eventos e difusión publicitaria, desarrollo de actividades de todo tipo, talleres presenciais con persoas relevantes de todos os ámbitos, sobre todo relacionados coa cultura, e ciencia. Habitacións para turismo rural, alumnos destes talleres e turismo vacacional cultural con clases de media xornada, completan a oferta. Na segunda fase completarán o resto da planta baixa cunha Cantina para promocionar os produtos de calidade da zona.