Volven os cursos de pintura a Chantada nos que participan 49 persoas en setembro

RibeiraSacraXa
“A pintura xera unha gran satisfacción persoal ademais de innumerables beneficios para a saúde e o benestar", sostén o rexedor, Manuel Lorenzo
cursos-de-pintura-Chantada
2 Ago 2024

O Concello de Chantada, a través da concellaría de Servizos Sociais, organizou desde febreiro ata xuño cursos de pintura destinados a persoas maiores.

As actividades desenvolvéronse no Edificio Multiusos con clases os mércores de pintura o óleo e os venres de pintura en tela, en horario de 16.30 a 19.30 horas.

Os cursos dos que participan 49 persoas seguirán desde setembro ata decembro, para ao remate realizar unha exposición cos excelentes traballos que realizan os participantes co asesoramento das súas monitoras.

O Programa de Pintura, que tivo un paréntese durante a pandemia, retomouse ampliando o tempo de duración, “despois desta etapa tan dura, sobre todo para os maiores, decidiuse ofertar a actividade case todo o ano coa intención de reverter a situación de soidade e malestar, converténdose case, en grupos de apoio e unha maneira de volver a socializar e relacionarse. Así nolo trasladaron as persoas participantes, asegurando que a actividade repórtalles importantes beneficios”, sinala o alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.

“A pintura xera unha gran satisfacción persoal ademais de innumerables beneficios para a saúde e o benestar. Con este tipo de propostas ponténciase a creatividade, trabállase a imaxinación e mellórase a autoestima, pero principalmente favorece a comunicación xa qua permite compartir tempo con outras persoas, socializar e conversar”, conclúe o rexedor.

As persoas interesadas en sumarse a estas actividades poden inscribirse desde comezos de setembro nos servizos sociais do Concello de Chantada, para entrar a formar parte dos participantes da vindeira edición.

0.13556003570557