Volven as Escolas Deportivas de Quiroga
Xa están de volta as Escolas Deportivas Municipais de Quiroga, que comezarán coa súa actividade na semana do 4 ao 8 de outubro no pavillón municipal.
Os deportes que se ofertan son voleibol e fútbol sala para nenos e nenas que teñan entre os 6 e os 15 anos. Así pois, para consultar horarios ou para realizar as inscricións haberá que ir á Casa da Cultura en horario de 8 a 15 horas pola mañá e de 16 a 20 horas pola tarde.
As Escolas Deportivas levan paradas dende marzo do 2020 -tanto en Quiroga coma noutros Concellos coma O Barco, Monforte ou Chantada- xa que estas, a diferencia dos equipos federados que comezaron xa o ano pasado porque dependen das Federacións correspondentes, dependen da Xunta de Galicia. A principios de xuño, o Concello recibiu permiso para volver ao deporte grupal coas medidas covid necesarias.
Así pois, levaranse a cabo as medidas sanitarias correspondentes obrigatorias para a práctica deportiva. Ademais, recórdase aos pais e nais dos nenos e nenas que sexa a súa primeira vez nas Escolas Deportivas, que poden ter un tempo de proba antes de inscribirse.