Volve o entroido a Monforte cun total de 18.000 euros en premios

RibeiraSacraXa
El Carnaval de Monforte vuelve a celebrarse este año después del parón en 2021 debido a la pandemia del coronavirus.
entroido monforte
25 Xan 2022

O Concello de Monforte ven de aprobar as bases que van regular as actividades do Entroido deste ano 2022, un certame que non puido ser celebrado en 2021 por mor da pandemia da Covid-19, e que o Equipo de Goberno recupera, sempre que as condicións sanitarias permitan finalmente a súa celebración.

Para esta edición de 2022, “dende o Equipo de Goberno decidimos incrementar a partida de premios ata os 18.000 euros, que é un 37,40% máis que en 2020 (4.900 euros máis), no que repartimos 13.100 euros en premios” salienta o Alcalde, José Tomé Roca.

Deste xeito, o primeiro dos eventos festivos programados para o Entroido monfortino é o concurso do Xoves de Compadres, que se vai celebrar o 17 de febreiro. Unha semana máis tarde, o 24 de febreiro, a cidade do Cabe acollerá outra das citas imprescindibles destas datas: o Xoves de Comadres. Finalmente, o Desfile de comparsas e disfraces do Martes de Entroido realizarase o 1 de marzo.

XOVES DE COMPADRES E COMADRES

Tanto para o concurso do Xoves de Compadres como para o de Comadres, a Concellería de Cultura de Monforte ten previstas tres convocatorias. Unha delas para os centros de ensino, outra para parroquias, barrios e rúas do Concello e por último, unha terceira de carácter individual, que concursará na Praza de España.

Á hora de decidir os gañadores teranse en conta a orixinalidade dos materiais empregados e tamén se vai valorar a montaxe, a elaboración e os materiais utilizados, o interese etnográfico e a crítica social. Cómpre destacar que cada un destes criterios terá unha valoración mínima do 10% e a máxima será do 25% do total da puntuación.

Tanto no caso do Xoves de Compadres como no de Comadres, haberá premios para cada unha das convocatorias. A categoría individual terá un primeiro premio de 75 euros, un segundo de 50 e un accésit de 25 euros. Os disfraces colectivos poderán optar a un primeiro premio de 120 euros, un segundo de 95 euros e un accésit de 50 euros. A maiores, premiaranse a mellor etnografía con 125 euros e a crítica social con 125 euros.

As solicitudes para inscribirse no concurso do Xoves de Compadres terán que presentaranse no Rexistro Xeral do Concello ou a través da Sede Electrónica do mesmo, dende o día seguinte á súa publicación na páxina web do Concello. O prazo para facelo rematará o vindeiro 16 de febreiro ata as 14 horas.

No caso do Xoves de Comadres, xa está tamén o prazo aberto e o último día para inscribirse é o 23 de febreiro ata as 14 horas.

MARTES DE ENTROIDO

O día grande do Entroido en Monforte será o martes, 1 de marzo. Xa está aberto o prazo de inscrición no desfile de comparsas e disfraces, e o derradeiro día para poder inscribirse neste concurso, presentando a correspondente documentación no Rexistro do Concello ou a través da Sede Electrónica do mesmo, é o 24 de febreiro ata as 14 horas.

O Concello establece dúas modalidades claramente diferenciadas: unha delas para as comparsas e disfraces de Monforte e outra para disfraces e comparsas de fóra da cidade.

A diferenza estará na contía dos premios, de tal xeito que o primeiro premio para as comparsas de máis de 90 compoñentes pode chegar ós 1.100 euros e no caso das que sexan de fóra ascenderá a 400 euros.

Por outra parte, haberá premios de 125 euros para a mellor comparsa tradicional, para a mellor posta en escena e a mellor música en vivo, mellor humor e mellor crítica de actualidade.

O desfile de comparsas e disfraces comezará o 1 de marzo ás 17:00 h na praza da Estación.

PREMIOS

Haberá diferentes premios segundo a categoría. Para as comparsas e disfraces de Monforte que teñan máis de 90 compoñentes, haberá un primeiro premio de 1.100 euros, un segundo de 700 e un terceiro de 500 euros. As comparsas entre 51 e 90 euros optarán a un primeiro premio de 500 euros, un segundo de 350 euros e un terceiro de 200. As comparsas de entre 25 e 50 compoñentes poderán gañar 400 euros se quedan primeiros, 250 segundos, 200 terceiros. As comparsas entre 4 e 24 compoñentes terán un primeiro premio de 250 euros, un segundo de 200 e un terceiro de 150 euros.

Os premios individuais de adultos de 1 a 3 compoñentes terán un primeiro premio de 125 euros, un segundo de 100 euros e un terceiro de 75 euros.

A maiores tamén se premiará con 125 euros a mellor comparsa tradicional, a mellor posta en escena, a mellor crítica de actualidade, mellor humor e mellor música en vivo.

A carroza que gañe o primeiro premio levará 400 euros, a segunda 200 e a terceira 150 euros.

O accésit para a comparsa con máis de 90 compoñentes será de 250 euros, a da comparsas de 51 a 90 compoñentes de 130 euros, para a comparsa de 25 a 50 compoñentes e a de 4 a 24 compoñentes será de 100 euros. O accésit para a comparsa infantil, o mellor individual adulto e o mellor individual infantil será de 40 euros. Mentres que para a carroza será de 70.

Os premios individuais infantís de 1 a 3 compoñentes contarán cun primeiro premio de 100 euros, un segundo de 75 euros e un terceiro de 60. Mentres que as comparsas infantís de 4 compoñentes en adiante será o primeiro de 225 euros, o segundo de 130 euros e o terceiro de 75 euros. Estes premios infantís serán en material didáctico ou deportivo.

Por último haberá unha categoría de premios para as comparsas e disfraces de fora de Monforte. A comparsa de 1 a 3 compoñentes poderán optar a 125 euros se gañan o primeiro premio, a 100 se gañan o segundo e 75 o terceiro. As comparsas de 4 a 24 compoñentes poderán gañar o primeiro premio de 250 euros, o segundo de 200 euros e o terceiro de 150 euros. As comparsas de máis de 25 compoñentes optarán a un primeiro premio de 400 euros, un segundo de 250 euros e un terceiro de 200 euros.

0.16897797584534