Volve abrir o Mercado de Nadal de Monforte con novas actividades
Por terceira semana consecutiva, o Mercado de Nadal Circuítos de Artesanía e Música Galega de Monforte abre este venres e sábado con novos expositores e actividades para todos os públicos na Praza de Abastos.
Debido a que o domingo é 25 de decembro, día de Nadal, abrirá só o venres, 23 de decembro, en horario de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas, e o sábado 24 de 11.00 a 14.00 horas.
A praza de Abastos acollerá 12 postos de venda cunha ampla oferta de produtos para agasallos e gastronomía navideña, a oferta de artesáns e artesás de olería, complementos, cosmética natural, madeira, bixutería, entre outras disciplinas artísticas, ademais dun amplo abanico de produtos gastronómicos gourmet e de produtores locais de alta calidade.
Para facer máis atractivo este Mercado de Nadal, o Concello coidou especialmente a ambientación da Praza, decorándoa con motivos navideños, e co obxectivo de estimular a que a xente merque en Monforte e quede na cidade do Cabe para facer as súas compras de Nadal.
Programación para o venres
Ademais da oferta comercial, o Mercado de Nadal conta con un variado programa de actividades dirixido a toda a familia e que se celebrará na propia Praza de Abastos e na rúa do Cardenal.
O venres 23 de decembro ás 13.00 horas terá lugar a celebración na Praza de Abastos do espectáculo musical infantil “A Apalpadora”. Esta actuación corre a cargo de Antía, profesional do ámbito educativo e lúdico infantil, e André, compositor especializado en medios audiovisuais.
A filla do Apalpador chega a Monforte, collendo o testigo do seu pai, para visitar ós nenos e nenas do Concello, cun cesto cheo de castañas e o seus tradicionais xoguetes de madeira. Os nenos e nenas que a coñezan terán a posibilidade de agasallar cun conto ou un cancioneiro da Apalpadora para encher de cor e natureza os seus fogares.
E pola tarde, dende as 18.00 horas horas, desenvolverase un obradoiro de pintura de bolsas de Nadal para nenos e nenas a cargo da artesá Paula Gutiérrez. As inscricións serán por orde de chegada, ata cubrir 10 prazas, tendo a posibilidade de facer dous grupos de 10 cada un, un celebraríase ás 18.00 horas e outro ás 19.00 horas.
Como evento destacado do venres, a xornada pechará coa actuación musical, as 8 e media da tarde, do grupo Galifunk, nun escenario ubicado na rúa do Cardenal. Este escenario, ideado especialmente polo Concello para esta ocasión, destaca pola súa beleza e polo seu fondo audiovisual onde destacan os motivos navideños.
Programación para o sábado
O sábado 24 de decembro, celebrarase, dende as 11.00, outro obradoiro de olería tradicional para nenos e nenas coa artesá Otilia Arias. As inscricións neste obradoiro serán por orde de chegada, ata cubrir 20 prazas. Ás 12.00 terá lugar unha Demostración Olería Tradicional de Gundivós, co artesán Tomás López.
E pechará o programa de actividades deste Mercado de Nadal a visita da Apalpadora, que dende ás 13.00 horas percorrerá as rúas do centro de Monforte e a zona dos mercados da Praza de Abastos.
Edición especial de Mercado de Nadal
Estas actividades encádranse no proxecto “Circuítos de artesanía e música galega” que o Concello organiza co financiamento do programa Territorio Cultura, ó amparo dos fondos de NextGenerationEU e o Mecanismo de recuperación e resilencia do Regulamento (UE)2021/241, concedido a través da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia.
Esta edición é unha proposta de animación con actividades para nenos e nenas e propostas musicais para todos os públicos, á vez que se potencia o comercio e a artesanía, con produtos para agasallos.