Vladimir Petkov gaña o X Torneo Internacional de Xadrez Campus de Ourense
O pavillón universitario acolleu esta fin de semana a celebración do X Torneo Internacional de Xadrez Campus de Ourense. O búlgaro Vladimir Petkov, afincado en Chantada, na modalidade de rápidas, e Ibragim S. Khamrakulov, na de lóstrego, foron os gañadores na clasificación xeral. A cita estivo organizada polo club Xadrez Ourensán Universitario e a Universidade de Vigo, contando ademais co patrocinio do Concello de Ourense e a Diputación Provincial. O seu director foi Jaime Viso.
A competición arrancou coa celebración o sábado do Torneo de Rápidas, que contou con 73 persoas inscritas. O primeiro posto foi para o búlgaro Vladimir Petkov (Chantada); o segundo para o español Ibragim S. Khamrakulov (Platja D’Aro) e o terceiro para o serbio Aleksa Strikovic (Chantada).
Ao longo da mañá do domingo tivo lugar o Torneo Lóstrego, que se disputou polo sistema suízo de dez rondas. O primeiro premio foi tamén para Ibragim S. Khamrakulov (Platja D’Aro); o segundo para o gran mestre Arián González (do Liceo de Ourense) e o terceiro para o mestre Fide Xulio del Prado (do Xadrez Ourense).