Viticultores de Vilachá protagonizan o novo episodio de 'Adegas da Memoria', que se estrea hoxe
Unha semana despois da presentación dos resultados das primeiras datacións das terrazas da Ribeira Sacra no marco do proxecto Adegas da Memoria, a webserie de título homónimo estrea hoxe un novo episodio.
Trátase do segundo capítulo da tempada ‘Os Pataos’, que se centra precisamente nestes elementos definitorios da paisaxe da Ribeira Sacra: as terrazas vitivinícolas, ou pataos, como se coñecen localmente.
A investigación desenvolvida polo Incipit-CSIC e financiada pola Consellería de Cultura a partir de mostras da ribeira de Vilachá de Salvadur, na Pobra do Brollón, datou os socalcos no século X. Este estudo, xunto coas escavacións no lugar de Os Conventos, achegaron as primeiras evidencias científicas da orixe da paisaxe cultural da Ribeira Sacra, reforzando a súa singularidade.
O novo episodio de Adegas da Memoria ofrece as visións de viticultores de Vilachá e as valoracións do director do Incipit-CSIC, Felipe Criado-Boado, cunha coda da poeta guímara Olga Novo, a ‘voz da Ribeira’ desta webserie producida por Nas Beiras e dirixida por Xosé Gago e Iago Seoane.
O proxecto Adegas da Memoria é unha iniciativa do Concello da Pobra do Brollón e a Asociación veciñal de Vilachá de Salvadur co apoio da Consellería de Cultura. A webserie homónima divídese en tres tempadas que tratan diferentes facianas do proxecto: ‘A Humanidade do Patrimonio’ que dá voz aos veciños e veciñas de Vilachá, ‘Os Conventos’, sobre a investigación arqueolóxica no lugar dun mosteiro medieval, e a tempada actualmente en emisión, ‘Os Pataos’.
O segundo episodio de ‘Os Pataos’ emítese este mércores en Vimeo e na páxina web de Adegas da Memoria.