Vinte alumnos traballan no obradoiro de emprego Ricra VII dos concellos de Pantón, Sober e O Saviñao
O Obradoiro de Emprego Ricra VII dos Concellos de Pantón, Sober e O Saviñao, traballa nesta edición na sección sociosanitaria e forestal. A formación iniciábase a comezos de novembro e prolongarase por un ano, coa participación dunha vintena de alumnos.
Os dous módulos de sociosanitaria traballan na Residencia da Terceira Idade de Sober e no Centro de Día de Pantón, alternando tempo de formación teórica coa práctica nos centros de traballo, aprendendo a atender aos enfermos, e facer as labores diarias neste tipo de servizos.
En Pantón, a sección de forestais conta con 7 alumnos que traballarán no acondicionamento de áreas como A Maiorga ou a contorna das Bernardas: “Estiveron estas semanas axudando un pouco na Feira do Viño de Sober, acondicionando os arredores e con traballos nos miradoiros e nas rutas.
Na vindeira semana estarán en Pantón coa limpeza de rutas e de áreas verdes, sobre todo na zona da feira, na contorna das Bernardas, O Baliño, ou a área de Maiorga. Fixéronse podas e agora hai que facer limpeza de rutas de sendeirismo”, explica o alcalde, José Luis Álvarez.
O director do Obradoiro, Antonio Durán, explica que “tentamos ser o máis multidisciplinares posibles, ter máis campo aberto para cando acaben a súa formación. Así ademais da sección forestal que lles dará aos alumnos o certificado de profesionalidade, trabállanse outras cousas como xardinaría para que saiban un pouco de todo”.
“A Consellería de Emprego e Igualdade promove estes programas para incentivar a xeración de emprego local e garantir a ocupación de persoas desempregadas”, lembra José Luis Álvarez.