Vinte alumnos rematan en Monforte o Obradoiro de Emprego de A Pinguela

RibeiraSacraXa
Entre as actuacións realizadas polo alumnado inclúense a rehabilitación do alpendre anexo á nave do obradoiro de cantería, a mellora dun almacén auxiliar e a construción dun soportal de madeira nas entradas de varios módulos
clausura-obradoiro-emprego--pinguela
Clausura do Obradoiro de Emprego de A Pinguela
2 Sep 2025

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, entregou este luns os diplomas e certificados de formación aos 20 alumnos e alumnas que participaron no Obradoiro de Emprego de A Pinguela. O rexedor destacou que “con este obradoiro de emprego creamos 24 postos de traballo durante nove meses, xa que o grupo estivo formado por 20 alumnos e alumnas, e un equipo de 2 docentes, un director e unha administrativa”.

O obradoiro, centrado este curso nas especialidades de albanelaría e carpintaría, contou cun orzamento de 417.928 euros. Foi promovido polo Concello de Monforte e financiado con fondos estatais, autonómicos e municipais. A achega do propio Concello ascendeu a 120.000 euros, o que supón 38.470 euros máis que en 2024, un incremento do 32%.

Entre as actuacións realizadas polo alumnado inclúense a rehabilitación do alpendre anexo á nave do obradoiro de cantería, a mellora dun almacén auxiliar e a construción dun soportal de madeira nas entradas de varios módulos. Tamén levaron a cabo a restauración de bancos, papeleiras, xardineiras e outros elementos de mobiliario urbano.

Tomé subliñou ademais que, unha vez finalizado o obradoiro, o Concello mantén o compromiso de facilitar a inserción laboral dos participantes mediante a colaboración con empresas que precisen contratar traballadores durante un mínimo de tres meses. Para favorecer esas contratacións, ofreceráselles ás empresas un incentivo de 1.500 euros por alumno.

O alcalde pechou a súa intervención felicitando aos participantes polo traballo desenvolvido ao longo do curso e desexoulles sorte na súa incorporación ao mercado laboral.

⚙ Configurar cookies
0.15817904472351