Vilamor homenaxea á Orquesta de Romeor no San Vicente 2026

RibeiraSacraXa
A programación inclúe misa, pregón de Suso Vaamonde e unha homenaxe á Orquesta de Romeor
Vilamor-Folgoso-do-Courel
9 Jan 2026

A parroquia de Vilamor, no concello de Folgoso do Courel, celebrará o vindeiro 24 de xaneiro de 2026 a festividade de San Vicente, cun completo programa de actividades culturais, musicais e gastronómicas que incluirá unha homenaxe á histórica Orquesta de Romeor.

Os actos comezarán ás 13.00 horas coa misa da honra de San Vicente. A continuación, ás 14.00 horas, terá lugar a sesión vermú amenizada por un grupo de gaitas local, dando paso a unha xornada festiva aberta a veciñanza e visitantes.

Ás 16.00 horas celebrarase o pregón, que correrá a cargo do músico e luthier Suso Vaamonde. Xa pola tarde, ás 17.00 horas, desenvolverase o campionato de chía-lo eixe, seguido ás 18.00 horas da homenaxe á Orquesta de Romeor, formación emblemática da música popular galega.

A programación continuará ás 19.00 horas co Concurso do Baile dos Toxos, acompañado pola actuación da propia Orquesta de Romeor. A partir das 20.00 horas, haberá foliada libre coa participación das Cantareiras de Arnado, e posteriormente a presentación do cancioneiro do Bolo por Rogelio de Aceveda (O Bolo).

Xa pola noite, ás 22.00 horas, celebrarase o tradicional baile do farolillo, e ás 23.00 horas terá lugar unha degustación de arroz con leite e queimada, dando paso á troula ata ben entrada a madrugada.

Durante a festa haberá carpa instalada no campo da festa, e o servizo de bar correrá a cargo da Sidrería O Ribeira (Bermúdez). A organización corresponde á Asociación de Veciños e Sociocultural O Quintairo de Vilamor, coa colaboración do Concello de Folgoso do Courel e numerosos establecementos e negocios locais.

⚙ Configurar cookies
0.07533597946167