Vilachá prepárase para unha nova edición das Foliadas Guímaras con música tradicional e petiscos

A música e a tradición popular teñen unha nova parada este sábado 26 de xullo en Vilachá de Salvadur (A Pobra do Brollón), onde terá lugar unha nova edición de verán das Foliadas Guímaras, unha festa que mestura cultura, gastronomía e patrimonio nun marco privilexiado: o conxunto de adegas medievais da Abelaira. A cita arrancará ao mediodía, arredor das 12:30 horas, coincidindo coa hora do vermú.
Durante a xornada, o grupo Os Ministreles porá a nota musical cunha actuación en directo que encherá de sons tradicionais os camiños empedrados e as adegas da parroquia. Como complemento, nas distintas adegas ofreceranse petiscos aos asistentes, contribuíndo a crear un ambiente de encontro veciñal e celebración comunitaria ao redor do viño, a música e as raíces da comarca.
A organización recomenda prestar atención ao acceso á zona, xa que por mor das obras na estrada LU-P-4702 (tramo A Estación-Vilachá), será preciso entrar por Monforte a través da LU-P-3203. A Deputación de Lugo e o Concello da Pobra do Brollón colaboran na promoción deste evento, que forma parte do seu Plan de Dinamización Cultural.
As Foliadas Guímaras consolidáronse nos últimos anos como unha iniciativa para revitalizar os espazos patrimoniais da Ribeira Sacra mediante a música, a recuperación da tradición oral e a posta en valor do rural. A edición deste sábado promete ambiente animado, copas compartidas e moita festa no corazón vitivinícola do sur lucense.