Vicente Parra, alcaldable socialista en Quiroga, preséntase cunha candidatura "totalmente renovada"
O PSOE de Quiroga presentou a súa candidatura na Casa da Cultura da localidade para as vindeiras eleccións municipais do 28 de maio, que encabeza Vicente Parra Vizcaíno.
O acto contou coa participación do secretario xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, quen felicitou ao alcaldable socialista “polo traballo feito, por dar a cara, por defender ós seus veciños e a bandeira socialista nunha praza tan complicada como é Quiroga”.
O líder socialista incidiu en que o 28 de maio “toca abrir un novo ciclo”, e subliñou que “xa basta de caudillismo en Quiroga. Hai que abrir as portas e as ventás do Concello para que corra a claridade e a transparencia”. “Hai outra forma de gobernar, máis amable, máis próxima ós veciños, cun Alcalde e un Goberno que os atenda, que os escoite, que non os desprece, e que deixen de ter medo, que se liberen, que deixen de sufrir abusos, como os que sufriu algunha empresa nestes últimos tempos”, subliñou.
José Tomé asegurou que a candidatura socialista “é a mellor opción para Quiroga. Un grupo unido, con ilusión, con compromiso e, o máis importante, cunhas ganas enormes de traballar por este concello, para que avance, por fin, despois de 36 anos”.
Propostas
Pola súa parte, Vicente Parra explicou que se presenta a esta convocatoria electoral “cunha candidatura completamente renovada, unida, que conta con experiencia, con ilusión e con ganas de traballar con eficacia e transparencia e, o máis importante, sen menosprezar a ningún veciño, nin veciña. Un Goberno baseado no diálogo e no entendemento, no que todos e todas poidamos opinar e sumar”.
Vicente Parra dixo que “hai que darlle a volta a este concello, con políticas útiles para a veciñanza, escoitando a todos os colectivos e entidades da nosa vila. Hai que crear e mellorar os servizos públicos, promover iniciativas que favorezan a creación de riqueza e de emprego; e que aproveiten os recursos que temos en Quiroga, que son moitos”.
“A veciñanza de Quiroga ten que rachar o 28 de maio con todos estes anos de parálise e desorganización, medias verdades e vinganzas persoais. Os socialistas de Quiroga promoven unha nova forma de facer política. Por iso teremos en conta as propostas veciñais e traballaremos entre todos e todas para impulsar o noso concello, cara un desenvolvemento rural, con oportunidades de crecemento, apostando ademais polo emprendemento e aportando o apoio necesario coa promoción do xeoturismo e os produtos da zona”.
Así mesmo, “é imprescindible manter comunicación directa e colaborativa cos centros de ensinanza para velar pola infancia e pola xuventude, atendendo as súas necesidades”, asegurou o candidato.
A lista da candidatura está formada por 10 persoas a maiores do alcaldable, que son Antonio Marcos Prieto, Miriam Sánchez Balo, Yolanda Domínguez Segura, María Rodríguez Losada, Antonio Pérez Conde, Olga Aira Olmo, María José Couso López, Patricia Quiroga Vázquez, Antonio Mejía Fernández e Manuel Díaz Álvarez.