Veciños e veciñas de Quiroga denuncian o estado da zona do Mazo
Veciños e veciñas de Quiroga denuncian o estado da zona coñecida coma O Mazo, no lugar da Ribeira, unha zona próxima ao río Quiroga. Así pois, sinalan que "os danos afectaron a un camiño público de tal xeito que o fan intransitable tanto para uso peonil como motorizado con maquinaria agrícola, impedindo deste xeito o acceso axeitado e en condicións normais ás distintas fincas".
Segundo indican, vistos os danos orixinados, dirixíronse, fai meses, ao concello para poñer en coñecemento a situación e solicitando unha solución que pasaba polo arranxo deste camiño que dá acceso ás fincas particulares. Sen embargo, os veciños e veciñas explicaron que o alcalde de Quiroga "remitiunos á Confederación Hidrográfica Miño-Río Sil, desentendéndose do tema e negando a súa competencia para arranxalo, mentres a situación empeorou ata o extremo que case non é posible acceder ás fincas".
Sen embargo, dende a Confederación Hidrográfica Miño-Sil en Monforte responderon que "era unha competencia do Concello de Quiroga". Vista a situación, os veciños e veciñas aseguran que dende o Concello de Quiroga -que ten competencia en dito camiño- non aporta ningunha solución, nin atende a súa petición.
Por todo isto, "consideramos que a non reparación e acondicionamento do acceso ás propiedades particulares dos veciños pode poñer en serio perigo o aproveitamento agrícola e a colleita deste ano e pode provocar incluso algunha desgraza persoal", concluíron.