Veciños de Chantada reclaman a reparación urxente da LU-P-1807

Os veciños das parroquias de Brigos, Santa Uxía e Santa Cruz de Viana, no concello de Chantada, presentaron na Deputación Provincial de Lugo un escrito apoiado por 1.300 sinaturas no que reclaman a reparación inmediata da estrada provincial LU-P-1807 ao seu paso por estas localidades.
No documento denuncian que a vía presenta “un estado moi deficiente, con fochancas de gran tamaño, afundimentos e deterioro xeral do firme”, o que supón, explican, “un risco evidente para vehículos, bicicletas e peóns”. Ademais, aseguran que a situación se prolonga desde hai anos sen melloras, a pesar de tratarse dunha estrada empregada a diario por residentes, vehículos agrícolas, transporte escolar e servizos básicos.
Xunto co escrito, os veciños entregaron fotografías que amosan o grave deterioro da vía. Tamén advirten de que, no caso de que non se adopten medidas urxentes, intensificarán as súas accións para dar maior visibilidade ao problema a través dos medios de comunicación e das redes sociais.
En paralelo, remitiron outro escrito ao Concello de Chantada solicitando que o alcalde e a corporación municipal apoien formalmente esta demanda mediante a inclusión dunha moción no pleno, co fin de instar á Deputación de Lugo a executar as obras sen demora e a establecer un plan de mantemento periódico que evite que a situación se volva repetir.
“Non pedimos nada extraordinario: só poder circular con seguridade por unha estrada que é competencia da Deputación e cuxa reparación levamos anos reclamando”, subliñan os asinantes.
Con esta acción conxunta, os veciños confían en que as administracións competentes actúen de inmediato para garantir a seguridade viaria e mellorar as comunicacións nesta zona rural de Chantada.