Veciñanza e servizos de emerxencia axudan a controlar o lume en Manzaneda

O incendio iniciado o pasado venres, 8 de agosto, en Chandrexa de Queixa e que xa calcinou máis de 17.500 hectáreas, parece dar certa tregua en Manzaneda, pese a que o calor e o forte vento seguen a supoñer un grave perigo na zona.
O Concello destacou o labor incansable do Distrito Forestal XIII, os bombeiros forestais, brigadistas, Protección Civil, UME e Garda Civil, así como a entrega da veciñanza local, que colaborou activamente para evitar que as chamas alcanzasen os núcleos habitados e as instalacións gandeiras.
Dende o Concello resaltan tamén a axuda de persoas chegadas desde concellos limítrofes e a participación da xuventude, que amosou un forte compromiso coa defensa do territorio, a pesar de tratarse dunha poboación reducida e envellecida.
O alcalde agradeceu a todos os implicados e subliñou que, unha vez superada a emerxencia inmediata, será necesario abordar solucións reais para a xestión forestal e a gandería extensiva en zonas de montaña cada vez máis despobladas.
Dende o Concello destacan que, grazas á colaboración veciñal e profesional, estase a lograr frear esta onda de incendios. “Unidos conseguiremos protexer o noso territorio e deixar un futuro mellor para as próximas xeracións”, sinalan desde o goberno municipal.