Varias actuacións de mellora estanse a levar a cabo na Travesía do Malecón-A Peña de Monforte
O goberno local de Monforte informa da mellora da Travesía do Malecón-A Peña, que conecta a rúa Doutor Casares co Paseo do Malecón, e que descorre paralela ao Centro de Saúde de Monforte.
Debido a que un tramo de dita rúa se atopaba deteriorado e a que unha das súas beirarrúas presentaba un mal estado, o Concello decidiu acometer a súa mellora, que se está levando a cabo nestes días.
Ademais, na zona inferior da mesma, que é mais ancha, os propietarios de vehículos aparcan de forma desordeada con bastante frecuencia, polo que tamén o equipo de Goberno ideou unha actuación para solventar esta deficiencia.
Así, as obras de mellora están a consistir na colocación dun novo pavimento de formigón semipulido de 15 cm, unha beirarrúa con bordillo de formigón e baldosas de cemento nun dos laterais. Pola súa parte, na zona inferior vanse crear tres plazas de aparcadoiro e rematarase a beirarrúa de pedra que hai na actualidade e pintaranse as marcas viais correspondentes.
Esta intervención afecta a 45 metros de lonxitude total e conta cun orzamento de 26.903,45 euros e o rexedor monfortino resalta que “isto supón a continuidade do desenvolvemento dun ambicioso programa de melloras de infraestruturas urbanas e da rede viaria da nosa cidade e das nosas parroquias”.