Valoran positivamente o Programa Integrado de Emprego do Concello de Chantada

O Programa Integrado de Emprego do Concello de Chantada 23-24, financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Servizo Público de Emprego Estatal, é unha iniciativa que se vén desenvolvendo desde a anualidade 21-22.
O Concello de Chantada solicita desde entón esta subvención xunto cos concellos de Carballedo, Taboada, Sober, O Saviñao, Pantón, Bóveda, Paradela, A Peroxa, Coles, San Cristovo de Cea e Vilamarín.
O Programa ten por obxecto mellorar a ocupabilidade e inserción laboral de 100 persoas en situación de desemprego pertencentes a diferentes colectivos.
Así, nesta edición do Programa, as accións levadas a cabo fixeron posible que das 100 persoas desempregadas 72 puideran iniciar un contrato laboral.
Espérase celebrar a clausura desta edición do Programa Integrado de Emprego de Chantada a finais deste mes de outubro coa entrega de diplomas aos participantes.
Mentres tanto, estase iniciando o novo Programa 24-25 con ámbito de actuación nos concellos anteditos, ós que se suma, nesta edición, Amoeiro.
O funcionamento do Programa esixe estar desempregado/a e inscrito/a no Servizo Público de Emprego no momento do seu inicio.
O SEPE enviará unha preselección de candidatos aos responsables do Programa Integrado de Emprego de Chantada e cartas ás persoas preseleccionadas para iniciar unha rolda de encontros nos diferentes concellos que participan e establecer a listaxe definiva de participantes na nova edición.
Se hai persoas que desexen participar e que cumpren os requisitos, pero non reciben comunicación por carta, poden achegarse ás oficinas municipais do Concello de Chantada ou chamar ó 982 440 011 extensión 1025.