Uxío Novoneyra xa forma parte da ruta literaria de Quiroga counha nova estela

RibeiraSacraXa
A estela está situada diante do antigo establecemento “El Derroche” en homenaxe ao poeta, moi vinculado coa vila
estela-quiroga-literario-uxio-novoneyra
Inauguración da estela de Uxío Novoneyra en Quiroga
19 Jul 2025

O poeta do Courel, Uxío Novoneyra, conta desde hoxe cunha estela conmemorativa no municipio de Quiroga, dentro da ruta "Quiroga, territorio literario". A sinalización foi descuberta este venres durante un roteiro literario musicado, co que se puxo en valor a figura do escritor e a súa relación con estas terras.

O acto contou coa presenza do fillo do poeta, Uxío Novo, e do alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, así como doutros membros da corporación municipal. A estela está situada diante do antigo establecemento “El Derroche”, lugar que Novoneyra frecuentaba mentres agardaba o autobús cando saía ou regresaba á súa casa natal en Parada do Courel.

Durante a intervención, Uxío Novo lembrou a vinculación persoal e afectiva do seu pai con Quiroga e con moitos dos seus veciños. Pola súa banda, o alcalde destacou a importancia do acto, definíndoo como “un día moi importante para Quiroga, ao que hai que darlle o valor que merece”.

No acto tamén se proxectou unha gravación coas palabras do poeta e o seu fillo recitou un dos seus poemas. A nova estela súmase así aos espazos xa sinalizados na ruta literaria, que inclúe lugares vencellados a figuras como Pura e Dora Vázquez, Ánxel Fole, Eduardo Moreiras, Manuel María ou Ernesto Guerra Dacal, entre outros.

A sinalización foi financiada a través do Plan de Sostibilidade Turística do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, que tamén impulsara a posta en marcha da ruta no seu momento.

O roteiro, conducido pola escritora Celia Díaz e acompañado musicalmente por Xavier Blanco (Fundación Legar), levou aos participantes polos espazos do casco urbano de Quiroga vencellados a oito autores influenciados, en maior ou menor medida, pola contorna da vila. A actividade incluíu tamén desprazamentos en autobús ata lugares como A Veiguiña ou O Hospital.
A ruta forma parte da rede RELIGA, que agrupa casas museo, fundacións e espazos literarios de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.30220508575439