Uxío Novoneyra incorpórase ao programa de roteiros “Quiroga, territoro literario”

O Concello de Quiroga organiza para o venres 18 de xullo un novo roteiro literario dentro da ruta “Quiroga, territorio literario”, no que se incorpora o poeta courelao Uxío Novoneyra aos autores xa recoñecidos nesta iniciativa.
A xornada servirá para presentar a nova estela dedicada a Novoneyra, colocada diante do histórico establecemento “El Derroche”, lugar onde o poeta esperaba o autobús para saír da súa terra natal cara a outros destinos.
Ademais, no apartado “Arte no Ar, Quiroga, territorio literario” da web municipal museosquiroga.org está dispoñible información sobre o autor e mesmo a posibilidade de escoitar algunhas das súas creacións na súa propia voz.
A nova estela foi financiada polo Plan de Sostibilidade Turística do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, que tamén apoiou a posta en marcha da ruta, onde xa se sinalizaron lugares vencellados a Pura e Dora Vázquez, Eduardo Moreiras, Ernesto Guerra Dacal, Luis Losada, Ánxel Fole e Manuel María.
Nesta ocasión, o roteiro estará conducido pola escritora Celia Díaz e contará co acompañamento musical de Xavier Blanco, da Fundación Legar. Está prevista tamén a asistencia da familia de Uxío Novoneyra.
Os participantes visitarán lugares ligados a oito escritores influenciados polo territorio de Quiroga. A organización porá a disposición un autobús para desprazarse ata A Veiguiña e O Hospital, mentres que o resto do percorrido será a pé polo casco urbano, arredor da praza Maior.
O roteiro desenvolverase entre as 10:00 e as 14:30 horas. As persoas interesadas deben inscribirse na Casa da Cultura antes do 17 de xullo, de forma presencial, no teléfono 982 43 51 25 ou no correo cultura.quiroga.quiroga@eidolocal.es.