USO ve un "despropósito" que Monforte faga as probas da Policía Local o mesmo día que a Xunta

RibeiraSacraXa
O sindicato insta ao Concello a cambiar a data para que non coincida coas probas da AGASP. A coincidencia afecta a preto de 300 opositores
policia local
13 Feb 2021

O Concello de Monforte anunciou esta semana a data da primeira proba do proceso selectivo para cubrir as vacantes na Policía Local do municipio.  Será o vindeiro día 26 deste mes, unha data que coincide co exame convocado previamente pola Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

A coincidencia impedirá aos aspirantes presentarse ás dúas convocatorias. E é que, mentras que o exame teórico organizado polo goberno municipal se realizará o 26 de febreiro ás 10.00 horas, o exame da AGASP terá lugar ese mesmo día, e só media hora despois, en Silleda.

O sindicato USO considera un "verdadeiro despropósito" que o Concello de Monforte fixe a data da súa primeira proba para o mesmo día que a AGASP, xa que "afecta a máis de 280 opositores aos corpos de Policía Local, que xa aboaron as súas taxas námbolos dous procedementos, e que deste xeito ven frustrados todos os seus esforzos preparatorios ao seren convocados o mesmo día".

O sindicato vén de dirixirse ao Concello monfortino para solicitar que estableza unha nova data para o exame, de xeito que se permita aos interesados examinarse nos dous procesos e así "non limitar aos opositores o dereito de acceso por turno libre aos corpos da policía local".

Dende fai dous anos, un convenio entre a Xunta e a Fegamp permite que os concellos que o desexen poidan centralizar as probas de acceso para o corpo das súas policías municipais na AGASP, con sede na Estrada (Pontevedra). Os exercicios da Axencia Galega de Seguridade foron convocados nunha orde publicada no DOG o pasado 20 de xaneiro, dúas semanas antes de que Monforte anunciase a súa convocatoria.

0.21357583999634