Unións Agrarias insta á Xunta a adoptar medidas para recoller a vendima na Ribeira Sacra
Unións Agrarias lamenta a inacción da Consellería do Medio Rural ante o "grave problema de acumulación de stock que afecta á DO Ribeira Sacra".
Así, din que a pesar das reiteradas chamadas de atención e peticións de intervención realizadas ao longo do último ano, a Xunta de Galicia "segue sen mover ficha para buscar solucións a unha problemática que comezou a evidenciarse xa na pasada vendima. Ás portas desta nova campaña, produtores e adegas afrontan unha situación que pode obrigar a deixar sen recoller a uva duns 600 viticultores".
Unións Agrarias volve instar á Xunta de Galicia a actuar de inmediato e a activar os mecanismos precisos para activar solucións que garantan a rendibilidade das adegas e viticultores desta denominación de orixe e lamenta que, a pesar das reiteradas solicitudes de intervención, "a administración autonómica non teña habilitado aínda ningún tipo de medida extraordinaria".
A organización agrogandeira fai un chamamento e insta ao goberno galego a actuar para que os viticultores da zona conten con garantías de recollida na vendima que se aproxima. “Xa non queda tempo, e é fundamental que non queden uvas colgadas e que se garantan prezos por enriba de custos de produción, tal e como marca a lei”.
Unións Agrarias considera imprescindible actuar para garantir a rendibilidade e o futuro dun sector esencial para a economía da comarca debido ao forte vínculo existente entre a viticultura e a conformación da paisaxe, a conservación e a xestión do territorio e a orografía desta zona.
"Falamos dunha DO pequena, pero esencial para o conxunto da comarca: para o turismo e o conxunto do tecido socioeconómico”. Nese senso, a organización fai un chamamento á coherencia e á responsabilidade e insta ao goberno galego a prestar a este sector o apoio que precisa. “Igual que cando outros sectores tiveron problemas se tirou de fondos públicos para axudalos a saír do bache, agora toca poñer cartos enriba da mesa para evitar o abandono das vides da Ribeira Sacra”, asevera Unións; que lembra a candidatura a Patrimonio Mundial da Unesco á que aspira a zona.
Unións Agrarias considera indispensable que produtores, adegas e administración traballen unidos para implementar as solucións que esta DO precisa a curto, medio e longo prazo.
A organización entende que o problema de mercados que afecta aos tintos a nivel estatal é un mal común que adegas e produtores deben enfrontar de maneira coordinada, e insta á Xunta a involucrarse para traballar da man e sen máis demora na elaboración dun plan de actuación con visión de futuro e coa vosta posta na promoción, nas exportacións e na apertura de novos mercados internacionais para os tintos; así como na reestruturación de viñedos e na posibilidade de impulsar cambios varietais que aporten valor engadido aos viños da Ribeira Sacra e potencien as súas vendas.
“Ou se toman solucións xa ou chegaremos tarde”, conclúe a organización.