Unións Agrarias esixe á Xunta que amplíe os medios para a vacinación de reses afectadas con lingua azul
As explotacións de vacún da zona de Monforte e Chantada están a verse especialmente afectadas debido ao atraso na vacinación contra a enfermidade animal da lingua azul e as consecuentes perdas que está a xerar a incapacidade de enviar os seus animais a cebadoiros ou centros de cría.
Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a ampliar os medios dispoñibles para a vacinación de lingua azul e a racionalizar os criterios que están a aplicarse á hora de vetar a saída de animais das explotacións gandeiras. A ralentización da campaña xerada polo insuficiente número de veterinarios está a xerar preocupación no sector produtor, bloqueado ante a incapacidade de comercializar reses que aínda non recibiron a correspondente vacina.
Desde o servizo veterinario da Xunta de Galicia recoñecen estar desbordados e faltos de persoal para acometer con garantías a campaña de vacinación, polo que na carta remitida ao director xeral de Gandería, José Balseiros, Unións Agrarias esixe que se doten adecuadamente os equipos de traballo para resolver o bloqueo dun xeito eficaz. Do contrario, as explotacións terán que pagar do seu peto un servizo de vacinación privado cando é a Xunta de Galicia a que ten competencia exclusiva.
UUAA tamén ten solicitado a ampliación do período de carencia na aplicación da prohibición, alomenos dentro do territorio de Galicia, unha medida que permitiría minorar os danos nas rendas das explotacións.
Por último, tamén solicita que se modifiquen os criterios que están a aplicarse no que respecta á saída becerros e tenreiras nacidos de vacas sen vacinar. "A día de hoxe, o feito de que a nai non teña sido vacinada supón a prohibición de que os becerros e tenreiras nacidos da mesma poidan ser enviados a centros de recría ou cebadoiros, unha medida sen sentido cando non existe risco de transmisión directa de nais a fillos que está a xerar graves problemas nas explotacións de leite da zona", explican.