Unha vintena de obradoiros participaron na V edición de ‘Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra’ en Sober

RibeiraSacraXa
Veciños e visitantes puideron participar en obradoiros gratuítos de encadernación xaponesa, estampaxe e torno cerámico
artesania-de-galicia-na-ribeira-sacra-sober
25 Aug 2025

Sober viviu este sábado, 23 de agosto, unha xornada dedicada á artesanía galega coa celebración da quinta edición do evento “Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra”, que tivo lugar no Santuario de Nosa Señora de Cadeiras. A iniciativa reuniu unha vintena de obradoiros especializados en oficios tradicionais como cerámica, coiro, téxtil, olería, xoiería, madeira, instrumentos musicais tradicionais, forxa e xoguetes.

Durante toda a xornada, veciños e visitantes puideron participar en obradoiros gratuítos de encadernación xaponesa, estampaxe e torno cerámico, impartidos por artesáns locais e membros da Asociación Galega da Cerámica. Ademais, o grupo musical Deuce animou a cita coa súa actuación en directo.

O evento tivo como obxectivo promover a comercialización do produto artesán galego, fomentar o contacto entre artesáns e público e consolidar a marca Artesanía de Galicia como selo de calidade e autenticidade, ao tempo que contribuíu á dinamización económica e cultural da Ribeira Sacra.

A xornada contou coa asistencia do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, o director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, quen destacaron a relevancia destas iniciativas para visibilizar o traballo dos artesáns e fortalecer o tecido comercial local.

⚙ Configurar cookies
0.16959691047668