Unha vintena de adegas déronse cita esta fin de semana na 46ª edición da Feira do Viño de Amandi

RibeiraSacraXa
Sober volveu a converterse nun punto de encontro para os amantes do viño durante tres días cheos de música e festa
pregon-feira-viño-amandi-2026
30 Mar 2026

A 46ª edición da Feira do Viño de Amandi volveu converter a localidade de Sober nun punto de encontro para os amantes do viño e da tradición vitivinícola da Ribeira Sacra. Ao longo da fin de semana, máis de 20 adegas participaron nesta cita xa consolidada, que reuniu a centos de asistentes arredor dun programa que incluíu catas, pasarrúas e actuacións musicais.

Un dos momentos destacados foi o pregón, que correu a cargo do chef do restaurante Vértigo, Rafa Centeno, nun acto no que tamén se levou a cabo a entrega de premios, conducida pola xornalista Manola Porto. Ademais, como é tradición, entregáronse os galardóns aos mellores viños da feira.

Na categoría de tintos novos, os tres viños distinguidos foron Cruceiro Mencía 2025 de Adega Cruceiro, Don Bernardino Mencía 2025 de Adega Don Bernardino e Romeo Domain 2025 de Adega Gullufre. O premio ao mellor branco novo foi para Cruceiro Rexio Godello 2025, tamén de Adega Cruceiro, mentres que o mellor rosado novo recaeu en Priscillus Rosado 2025 de Adega A Man de Prado.

Noutras categorías, o recoñecemento ao mellor tinto en barrica foi para Parcela Carballo Cobo 2021 de Adega Algueira, e o premio ao mellor viño doutras colleitas foi para Cividade Mencía 2024 de Adega Cividade. Todos os galardoados recibiron un diploma e unha peza de Gundivós.

A feira, celebrada no entorno da praza do Concello, reafírmase así como un evento de referencia no calendario festivo e enogastronómico da comarca.

Na xornada de clausura estivo presente o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, quen destacou o apoio da Deputación de Lugo a esta cita, á que contribúe cunha achega de case 14.000 euros a través do Plan Deputación. O responsable provincial subliñou que “esta feira é un exemplo do compromiso que mantemos desde a Deputación de Lugo co sector vitivinícola da nosa provincia, porque apoiando citas coma esta tamén promocionamos os nosos produtos e contribuímos ao desenvolvemento económico da zona”.

Rivera Capón puxo tamén en valor “a calidade dos viños que levan o ADN da Ribeira Sacra, que gozan xa de gran prestixio tanto a nivel galego, como nacional ou mesmo internacional” e lembrou que “falamos dunha cita que leva celebrándose máis de 40 anos, polo tanto, é un evento de referencia no noso calendario que axuda a dar a visibilidade que se merece a tradición vitivinícola e fortalece a promoción da nosa provincia dentro e fóra de Galicia”.

Pola súa banda, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou tamén as casetas da feira. Durante o percorrido puxeron en valor a importancia desta cita para a promoción dos viños da subzona de Amandi, integrada na Denominación de Orixe Ribeira Sacra, que no último ano acadou unha produción superior aos 4,6 millóns de quilos de uva, cun valor estimado de máis de 20,8 millóns de euros.

Rueda destacou o peso do sector vitivinícola na economía de Galicia e o compromiso institucional co seu desenvolvemento, que se traduce nun investimento de arredor de 12 millóns de euros en distintas liñas de axuda. Entre elas inclúense programas de reestruturación e reconversión de viñedo, promoción en mercados internacionais e apoio á elaboración e comercialización de produtos.

0.13613605499268