Unha veciña de Begonte gaña o concurso de carteis da XLVI Feira do Viño de Amandi

TerraChaXa | RibeiraSacraXa
A proposta “Amandi. Un viño de cine”, obra de Marta Luisa Silvarrey, foi elixida entre unha vintena de candidaturas
marta-luisa-silvarrey
18 Feb 2026

O Concello de Sober vén de seleccionar a proposta gañadora do concurso do cartel que anunciará a XLVI Feira do Viño de Amandi, que se celebrará os días 27, 28 e 29 de marzo, coincidindo coa fin de semana do Domingo de Ramos.

A obra gañadora foi “Amandi. Un viño de cine”, da deseñadora e directora do estudo Boconti, Marta Luisa Silvarrey, natural de Begonte. O xurado, formado por técnicos municipais, seleccionou esta proposta entre unha vintena de candidaturas chegadas de diferentes puntos do Estado.

A gañadora recibirá 800 euros e un diploma, e o seu cartel será a imaxe oficial da XLVI Feira do Viño de Amandi. Ademais, todos os carteis presentados formarán parte dunha exposición na Casa da Cultura de Sober, que poderá visitarse do 2 de marzo ao 6 de abril.

O cartel será presentado oficialmente o sábado 28 de febreiro no miradoiro do Xabrega, coincidindo coa divulgación da programación do Mes do Amandi e do programa de actividades da feira. Como é habitual, este ano a feira comezará o venres pola tarde.

⚙ Configurar cookies
0.079535007476807