Unha mostra do pintor e acuarelista, Javier Varela Guillot, está exposta na Casa da Cultura de Chantada

RibeiraSacraXa
"Pareceume ideal traer parte dos seus peregrinos á Casa da Cultura pola que que pasa o Camiño de Inverno a Santiago”, asegura Esperanza Cota, viúva do artista
exposición-Javier-Varela-Guillot-Chantada
12 Xul 2024

A Casa da Cultura de Chantada acolle ata o 31 deste mes de xullo unha exposición do pintor e acuarelista, Javier Varela Guillot, que xa estivo no Auditorio Municipal de Chantada no 2020 e no Casino Ateneo.

A mostra pode visitarse de luns a venres en horario de 9.00 a 15.00 horas e de 16.00 a 18.00 horas e os sábados, domingos e festivos o horario de visita é de 10.00 a 14.00 horas.

Nesta ocasión, son 24 pezas onde predominan os peregrinos. "Pareceume ideal traer parte dos seus peregrinos á Casa da Cultura pola que que pasa o Camiño de Inverno a Santiago”, asegura Esperanza Cota, viúva do artista que desde hai anos vive en Chantada. Javier V. Guillot está considerado coma un dos mellores acuarelistas de Galicia e dos primeiros de Europa.

Na Casa da Cultura de Chantada pódese gozar das distintas facetas da obra do artista, óleo, acuarela, debuxo, técnica mixta… “O colorido de Guillot é rico e variado e sempre mantido dentro da tónica da delicadeza máis lixeira e sutil e gaña baixo os efectos dunha certeiramente estudada luz, xogando maxistralmente co grato absterse, respectar os brancos que a difícil técnica da acuarela esixe nesta arte mental de previsión”, apuntou José Trapero Pardo, que fora cronista oficial de Lugo, membro da Real Academia de Belas Artes de San Fernando e da Real Academia Galega.

Aínda que cultivou practicamente todas as técnicas de pintura, Varela Guillot é fundamentalmente un consumado acuarelista, cun estilo propio e inconfundible, aínda que os seus debuxos ao pastel son tamén dunha calidade extraordinaria. Ten unha enorme produción pictórica e a súa obra atópase repartida por todo o mundo, tanto en coleccións particulares como en diversos organismos oficiais, recibindo sempre eloxios da crítica e o favor do público.

As obras que están a exposición na Casa da Cultura de Chantada pódense adquirir por prezos que oscilan entre os 300 e 400 euros e os 5.000 euros.

0.19189310073853