Unha gran foto de familia puxo fin a unha tempada deportiva na Gala do Deporte de Quiroga

RibeiraSacraXa
Un orgullo, en palabras do concelleiro de Deportes, Antonio Marcos, de ter en Quiroga moitos e moi bos deportistas
Gala-final-Escolas-Deportivas-Quiroga
10 Xuño 2024

Quiroga celebrou a súa Gala do Deporte que puxo final ao deporte das Escolas Deportivas deste curso escolar, nun acto de recoñecemento a todas as modalidades deportivas e para todos os deportistas.

Un orgullo, en palabras do concelleiro de Deportes, Antonio Marcos, de ter en Quiroga moitos e moi bos deportistas. Ademais, o concelleiro na súa intervención afirmou que un dos seus obxectivos fundamentais é “conseguir que calquera que queira practicar deporte en Quiroga o poida facer”. Rematou a súa intervención destacando que “co apoio dos pais, ca súa paciencia, e co esforzo e ilusión de todos os nenos vaise levar o nome de Quiroga por todo o mundo”.

Unha gran foto de familia puxo fin a unha tempada deportiva na que se repasaron os logros acadados nas distintas disciplinas. Todos os nenos e nenas deportistas recibiron unha medalla e un diploma coa foto de equipo. Tamén houbo recoñecemento para os distintos equipos e clubs fora do deporte escolar. E un máis que merecido recoñecemento para dous históricos do Quiroga FC que colgan as botas: Choco e Polín.

Con esta gala, que remataba cunha cea no restaurante Chapakuña, púxose fin a tempada pero non ao deporte, posto que as ligas e as copas darán paso en breve a outras citas deportivas. Organizados están xa os torneos de fútbol sala e fútbol sala feminino, os campus de fútbol e voleibol ou a carreira nocturna.

0.18453407287598