Unha fin de semana chea de música en Chantada
A cantante Lucía Pérez, orixinaria do Incio e cunha sólida traxectoria na escena musical desde o seu debut en 2002, ofrecerá un concerto gratuíto o próximo 14 de setembro en Chantada. A actuación, que forma parte da súa xira "Na miña pel", celebrarase ás 21.00 horas na rúa Rosalía de Castro.
A xira "Na miña pel" reflicte a evolución persoal e artística de Lucía Pérez, cun repertorio que combina novos temas con algúns dos éxitos que marcaron a súa carreira. O evento está patrocinado por AGADIC, e o seu formato aberto permitirá que tanto os veciños como os visitantes poidan sumarse a unha velada musical en pleno corazón de Chantada. Debido ao concerto, a rúa Rosalía de Castro permanecerá pechada ao tráfico desde o mediodía do mesmo venres ata despois da finalización do espectáculo, para garantir a seguridade e comodidade do público asistente.
O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, destacou que este evento segue a dinámica de verán, na que se organizaron numerosas actividades culturais e de lecer na localidade. "Setembro con interesantes actividades onde a música é protagonista e seguimos levando o ambiente a novos espazos para diversificar a oferta cultural”, destaca o alcalde.
VOLVE O FICH A CHANTADA
Ademais do concerto de Lucía Pérez, Chantada acolle entre o 13 e o 15 de setembro a IX edición do Festival Independente de Chantada (FICH), que busca dar visibilidade á escena underground. Este evento contará coa participación dunha ampla variedade de artistas como Dunkelwald, Devalo, Tzetze, e The Fakes, quen pecharán o festival o domingo 15 co seu habitual vermú na rúa Leonardo Rodríguez.
O FICH desenvolverase en diferentes localizacións do municipio, como a Praza da Paz, a terraza do Casino Círculo Cultural e Recreativo e as adegas Amedo, e promete atraer a un gran número de visitantes. “O Festival trae moita xente a Chantada e tamén é un impulso para os grupos locais porque a maioría dos grupos de Chantada pasaron polo FICH. Algo similar acontece co Castañazo Rock que se celebrará en Chantada o 1 e 2 de novembro”, sinala o alcalde de Chantada.