Unha enquisa de ANPE Galicia analiza a situación da covid nos colexios

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A enquisa amosa que non se facilita unha máscara a diario, nas aulas pásase frío e non hai medidores de CO2 en case ningún centro.
1colexio escola nenos covid
6 Feb 2022

A enquisa amosa que non se facilita unha máscara de protección a diario, nas aulas pásase frío e non hai medidores de CO2 en case ningún centro e nos que os hai non alcanzan a todas as aulas.

ANPE Galicia acaba de realizar unha enquisa ao profesorado para coñecer o estado actual das aulas en Galicia e como se está afrontando a covid tras o parón do Nadal.

Segundo indican, as conclusións confirman as deficiencias que "ANPE Galicia leva tempo denunciando: a inmensa maioría dos docentes que contestaron a enquisa afirman que nos centros educativos pásase frío, que non se facilita unha máscara de protección a diario (ou o número suficiente para un período de tempo), que non hai medidores de CO2 na maioría dos centros e, naqueles onde si os hai, non alcanzan a todas as aulas".

Na enquisa participaron profesores e profesoras de centros educativos públicos de toda a Comunidade: o 23,4% de zona rural, o 35,8% de vilas e o 40,8% das 7 grandes cidades galegas. A participación abarca a docentes de todas as ensinanzas: Mestres/as, secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial.

  • Os datos da mostra indican que no 79,8% das aulas existe ventilación permanente mantendo as fiestras abertas toda a xornada; que nun 19,2% ventilan cada certo tempo. E que o 71,1% dos enquisados pasa frío a pesar de dispor de calefacción.
  • Os medidores de CO2 non están presentes en máis de 3 de cada 4 aulas, un risco engadido, ao carecer de información nestes espazos.
  • En relación ao material hixiénico e sanitario, "as gráficas revelan un dato moi preocupante para a saúde dos traballadores e traballadoras, alumnos e alumnas e familias, que conviven nos centros educativos: soamente o 23,4% dos docentes afirma recibir unha máscara diaria (ou un lote suficiente para un período equivalente a unha por día); deles un 52,1% manifesta que se lles entrega máscara hixiénica (non suficiente garantía fronte ao contaxio segundo os expertos), fronte a un 19,4% que afirma recibir unha máscara FFP2".
  • Finalmente, os centros dispoñen de xel hidroalcohólico nun 49,6% dos casos.

Explican tamén no estudo que o 98,4% dos centros presentan ou presentaron alumnado e/ou docentes contaxiados.

En referencia aos contaxios do alumnado, o máis destacable é que unha porcentaxe superior ao 70% dos enquisados refire que tivo alumnos positivos ou contactos estreitos; e en torno a un 10% que tiveron aulas enteiras.

Respecto do contaxio do profesorado, á pregunta Hai baixas de profesorado no teu centro?, preto dun 20% refiren entre 5 e 10 casos; un 10% refiren 4 casos; preto doutro 20% refiren 3 casos; un 24,5% refiren 2 casos e un 23,8% refiren un caso.

Estanse cubrindo estas baixas de profesorado? No 75% dos casos os enquisados afirman que a Consellería procedeu á cobertura desas baixas pero en 1 de cada 4 casos non foi así. Esta realidade pon de manifesto que a detección, comunicación e substitución das baixas do profesorado debe ser unha prioridade para reducir esta elevada porcentaxe de profesorado sen substitución, para dar continuidade á actividade docente nas aulas cubrindo as baixas con especialistas das materias e non con profesorado de garda, transformando as aulas en meras garderías.

Para ANPE Galicia estes datos implican unha serie de accións que enumeran: 

  • Acelerar a vacinación de todo o profesorado e do alumnado menor de 12 anos.
  • Resolver as situacións de persoal vulnerable, con alternativas á docencia directa.
  • Facilitar unha máscara diaria a cada docente.
  • Reforzar a calefacción todo o inverno, para compensar a ventilación cruzada.
  • Un medidor de CO2 en cada estancia.
  • PCRs ou test de antíxenos para o resto de alumnos/as e docentes, ante un positivo na aula.
  • Protocolos claros ante a detección de casos positivos.

Ademais, ANPE solicita á Consellería que analice os centros coa fin de axudarlles a superar estas carencias.

0.12817192077637