Unha charla sobre a orixe do Entroido organizada polo BNG de Quiroga será impartida por Rafael Quintía
O BNG de Quiroga organiza para esta tarde de sábado unha charla sobre o Entroido baixo o título 'Funcións e significados do Entroido Galego' que terá lugar ás 20.00 horas no Salón de Actos da Casa da Cultura e que será impartida polo antropólogo Rafael Quintía.
Esta actividade ten como finalidade coñecer a tradición do Entroido, tan arraigada na nosa cultura popular, para achegarnos a outros aspectos máis de raíz que nos levan a vivir os días de Entroido dun xeito tan especial e a preocuparnos pola preservación das nosas tradicións máis locais.
Na conferencia, acompañada de recursos audiovisuais, farase un percorrido polos diferentes ritos que configuran a festa do Entroido e explicarase os seus significados, as funcións que cumpren estes ritos e tamén se falará das diferentes personaxes ou ‘oficiantes’ que executan os mesmos.
Respecto destes ‘oficiantes’ destacarase cal é o seu papel, cales son as diferenzas e similitudes duns entroidos ou mascaradas con outros do marco europeo...
Trátase, en palabras de Quintía, de "visibilizar, en definitiva, o valor do entroido non só como valor cultural e patrimonial se non tamén pola súa utilidade na sociedade a través deses ritos que o converten nun feito social total que implica mecanismos de control dos conflitos, válvulas de escape, tensións sociais, espazos para a socialización e creación de vínculos entre as sociedades (compartir, repartir...), momentos para a crítica".
Rafael Quintía Pereira
Licenciado en Antropoloxía Social e Cultural, en Ciencias Económicas e Empresariais, Doutorando en Historia Contemporánea, Máster en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e Formación Profesional na especialidade de Xeografía e Historia.
Exerce como antropólogo profesional na empresa Ab Origine. Antropoloxía, Produción e Xestión Cultural S.L.L., da que é socio fundador e administrador.
Ademais, é profesor-titor na Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), onde imparte as materias de Antropoloxía Cultural, Antropoloxía das Relixións, Antropoloxía Económica I e Psicoloxía Social.
Traballou, ademais, como Axente de Desenvolvemento local e no ámbito da empresa conta con doce anos de experiencia en xestión comercial, comercio exterior, compras e loxística.