Una nova asociación deportiva levará o nome da Ribeira Sacra a través do alpinismo por todo o mundo

RibeiraSacraXa
A asociación deportiva 3CUMIOS está formada por tres mozos de Sober, Pantón e Monforte, co obxectivo de ascender en tres anos ás tres cimas máis representativas de tres continentes
3cumios
Membros da Asociación Deportiva 3CUMIOS
22 Mar 2025

O equipo de alpinistas 3CUMIOS, formado por Manuel Vieitez (Sober), Tomás Porto (Pantón) e José Manuel Prieto (Monforte), prepárase para emprender no mes de xullo unha das aventuras máis desafiantes das súas vidas: a ascensión ao Huascarán, a montaña tropical máis alta do planeta e unha das cimas máis emblemáticas dos Andes. Situada na Cordilleira Branca no Perú, cunha altitude de 6.768 metros, este xigante non só representa un reto físico e mental, senón tamén unha oportunidade única para proxectar e promocionar a Ribeira Sacra nun escenario internacional.

Para facer realidade este proxecto, o equipo de alpinistas conta coa colaboración do Concello de Sober, o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, a Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo a través da Vicepresidencia. Agora que a iniciativa é xa unha realidade, traballan para obter o maior apoio institucional posible.

Orixinarios desta máxica rexión galega, os membros de 3CUMIOS teñen como un dos seus obxectivos principais levar o nome da Ribeira Sacra ao máis alto, tanto literal como metaforicamente. A través desta expedición, buscan dar a coñecer a beleza, a cultura e o espírito de superación que caracterizan esta terra, converténdoa nun símbolo de inspiración a nivel global.

A expedición, programada para 2025, forma parte do Proxecto 3 Cumes, unha iniciativa que busca conquistar tres montañas icónicas en tres continentes diferentes. O Huascarán será a primeira parada deste ambicioso proxecto, que combina a paixón polo alpinismo cun profundo respecto polas comunidades locais e o medio ambiente.

Un desafío extremo na Cordilleira Branca

O Huascarán, situado na Cordilleira Branca do Perú, é a montaña tropical máis alta do planeta e un dos picos máis desafiantes do mundo. A súa ascensión require unha preparación física e mental excepcional, así como unha loxística impecable. O equipo de 3CUMIOS planea completar a expedición en aproximadamente 20 días, establecendo varios campamentos de altura para adaptarse ás condicións extremas, que inclúen un 43 % de osíxeno, temperaturas de ata -25 °C, fendas ocultas no glaciar e pasos técnicos de escalada en xeo ao longo da ruta.

Compromiso coas comunidades locais e coa Ribeira Sacra

A expedición non só busca acadar a cima, senón tamén deixar unha pegada positiva nas comunidades que custodian estas montañas sagradas e, ao mesmo tempo, proxectar a Ribeira Sacra no ámbito internacional. Por iso, 3CUMIOS decidiu destinar o 10 % das achegas recadadas a colaborar coas comunidades locais, proporcionando material deportivo que promova o acceso ao deporte como ferramenta de crecemento e superación.

"Queremos que esta expedición sexa unha ponte entre culturas, un exemplo de superación e unha oportunidade para inspirar a outros a soñar en grande", afirma o equipo. "Pero tamén é unha forma de levar o nome da Ribeira Sacra ao máis alto, amosando ao mundo a riqueza natural e cultural da nosa terra".

Sobre 3CUMIOS

3CUMIOS é un equipo de alpinistas cunha ampla traxectoria nalgunhas das montañas máis emblemáticas do mundo, como os Alpes, os Pireneos, a Patagonia e as remotas cimas de Mauritania. Unidos por unha paixón irrenunciable polo alpinismo, José Manuel Prieto, Tomás Porto e Manuel Vieitez buscan superar os seus límites persoais mentres promoven valores universais como a perseveranza, o traballo en equipo e o respecto pola natureza.

⚙ Configurar cookies
0.43606996536255