Un total de 32.536 alumnos da provincia comezan o curso escolar o luns

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O curso 2023/24 comeza o vindeiro luns día 11 para un total de 311.
7 sep 2023

O curso 2023/24 comeza o vindeiro luns día 11 para un total de 311.823 alumnos de Infantil, Primaria, Educación Especial, ESO e Bacharelato de Galicia (entre centros públicos, concertados e privados). O número de alumnos matriculados no curso pasado (datos consolidados) e no que vai comezar (datos provisionais) descende en 2.880 en infantil, e 906 en primaria mentres que sobe en 24 os de educación especial.

Só no sistema público, o número de alumnos nestas etapas descende en case 1.800. Aínda así, haberá en funcionamento 11.924 aulas para algo máis de 225.000 alumnos das etapas de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato. Isto supón un reforzo do número de unidades para o próximo ano académico en comparación co curso anterior (no que estiveron en funcionamento 11.916 aulas para as ditas etapas) malia rexistrarse case 2.000 matrículas menos.

Cómpre lembrar que o terceiro período de matriculación en Formación Profesional rematou, polo que nas próximas semanas haberá que engadir a estes datos os dos matriculados nestas ensinanzas, que xa romperon un récord o curso pasado ao chegar case os 61.000 alumnos. Neste sentido, o conselleiro destacou a aposta do Goberno galego pola FP, coa maior oferta de prazas da historia, un total de 42.174 postos de novo ingreso, un 12% máis.

Na provincia de Lugo están matriculados un total de 5.573 alumnos de infantil, 13.844 de primaria e 71 de educación especial. Ademais son 9.787 os de ESO e 3-261 os de bacharelato.

Como curiosidade, só un concello, Negueira de Muñiz non ten alumnos na primeira etapa e os de Cervantes, O Incio, Muras, As Nogais, Pedrafita, Samos, Trabada e Triacastela están por debaixo dos dez. En Primeria só Muras está por debaixo, con 8 alumnos.

Tamén destaca o feito de que Folgoso do Courel e Navia de Suarna son os únicos nos que hai máis pequenos en infantil que en Primaria.

PROFESORADO

O ensino público galego contará no curso 2023/24 con 370 profesores máis, ata chegar a un total de 31.044, para o conxunto de alumnos dos centros públicos, un total de 225.013. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, en declaracións aos medios ante o inicio escolar e cando as protestas nalgúns centros e por parte dos sindicatos xa se fan notar.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia detallou que, dos docentes a maiores, 260 se corresponden co incremento da oferta de FP, 70 destínanse a programas de prevención do abandono educativo e de atención á diversidade e outros 40 para o incremento de grupos en ESO e Bacharelato.

No caso de Infantil e Primaria, mantense invariable o número de mestres, malia que o número de estudantes nestas etapas no sistema público descende en máis de 2.600 alumnos respecto do curso pasado.

Román Rodríguez lembrou que Galicia é unha das comunidades con menor taxa de abandono educativo temperá (9,9%), ademais da Comunidade que ten maior porcentaxe (94%) de alumnado con necesidades específicas de atención educativa integrado en centros ordinarios. “Estamos a falar dun dos sistemas educativos con mellores rateos profesor/alumno de España (arredor do 70% das aulas están por debaixo de 20 alumnos) e cun maior investimento por estudante, só por detrás de Euskadi e Navarra, que teñen réximes fiscais propios –explicou–. Ademais de ter un dos mellores panoramas do Estado no relativo aos resultados educativos, tal e como indican informes como PISA”.

0.10925483703613