Un total de 13 de Concellos de Ourense e o sur de Lugo beneficiaranse dun novo novo Programa Integrado de Emprego

RibeiraSacraXa | OurenseXa
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, explica que este programa daralle continuidade ao clausurado onte en Chantada, tamén financiado pola Xunta con 220.000 euros con cargo á convocatoria do ano pasado
50A0C1FC-3548-4E17-BCA6-9889F16DCBD8
PIE Chantada
12 Nov 2024

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración financiará con 220.000 euros un novo Programa Integrado de Emprego compartido por oito concellos do sur de Lugo e cinco da provincia de Ourense.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, explica que este programa daralle continuidade ao clausurado onte en Chantada, tamén financiado pola Xunta con 220.000 euros con cargo á convocatoria do ano pasado.

Ademais de Chantada, participaron os municipios lucenses de Pantón, Bóveda, Paradela, O Saviñao, Sober, Taboada e Carballedo; xunto cos ourensáns de Coles, A Peroxa, San Cristovo de Cea e Vilamarín. Na nova edición súmase Amoeiro (Ourense).

Cada proxecto vai dirixido a 100 persoas desempregadas pertencentes a colectivos con especiais dificultades de inserción laboral, que durante un ano participan en accións formativas encamiñadas a facilitar o seu acceso ao mercado de traballo.

O delegado destacou que a experiencia demostra o resultado positivo deste tipo de actividades, que na súa planificación teñen en conta as demandas do tecido empresarial do territorio no que se desenvolven. No caso do programa que agora comeza, implica a sectores como o agroalimentario, industria, servizos e sociosanitario.

Durante todo o proceso formativo, o alumnado recibe asesoramento e orientación sobre aspectos prácticos como a motivación para buscar emprego, obradoiros de entrevistas, técnicas para potenciar as habilidades sociolaborais, elaboración de currículos ou inscrición en portais de emprego. Tamén hai accións enfocadas ao fomento da capacidade emprendedora e a prospección empresarial. Ademais, está prevista a realización de prácticas profesionais non laborais.

Así mesmo, impártense horas de formación en especialidades concretas. Algunhas das que se prevén nesta edición son manipulador de alimentos, acompañante de transporte escolar ou introdución á apicultura tradicional e ecolóxica.

0.19506001472473