Un proxecto colaborativo entre as universidades da Coruña e Salamanca e a CHMS estudará a estabilidade do túnel de Montefurado

RibeiraSacraXa | ACoruñaXa
Os resultados do estudo permitirán formular alternativas que garantan tanto a estabilidade estrutural como a protección ambiental da contorna, co obxectivo de conservar o Ben de Interese Cultural
Montefurado
22 Oct 2025

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) asinou un convenio coas universidades da Coruña (UDC) e Salamanca (USAL) para elaborar un estudo que avaliará a estabilidade do túnel romano de Montefurado, sobre o río Sil, unha infraestrutura de gran valor histórico e patrimonial.

O acordo foi rubricado polo presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, e os reitores de ambas universidades, Ricardo Cao Abad e Juan Manuel Corchado. O investimento previsto para desenvolver este estudo ascende a 320.334 euros, financiados integramente pola CHMS.

Segundo explicou o presidente da CHMS, con este estudo “obtérase información científico-técnica sobre as condicións de estabilidade e resistencia dos materiais do túnel e do macizo rochoso no que se asenta, así como das condicións hidrodinámicas do río Sil nas súas inmediacións”.

O túnel de Montefurado, construído entre os séculos I e II, é unha das obras máis representativas da minería romana no noroeste peninsular. En orixe, alcanzaba uns 150 metros de lonxitude, aínda que na actualidade conserva 54 metros, tras o derrubamento dunha parte da súa estrutura en 1934, que afectou entre 70 e 100 metros do túnel.

Na actualidade, o río Sil discorre integramente polo interior do túnel, mentres que o antigo meandro quedou colmatado de sedimentos, perdendo a súa función natural e xerando unha degradación progresiva do entorno ambiental.

O proxecto será desenvolvido en colaboración coas dúas universidades. A UDC encargarase da modelización hidráulicado túnel e do cauce do río, analizando a súa estabilidade estrutural e posibles solucións técnicas, mentres que a USALabordará o estudo xeolóxico e xeotécnico do macizo rochoso no que se asenta o túnel, co fin de completar o diagnóstico e deseñar medidas que garantan a súa conservación.

Os resultados do estudo permitirán formular alternativas que aseguren tanto a estabilidade estrutural como a protección ambiental da contorna, co obxectivo de preservar o Ben de Interese Cultural e prolongar a súa vida útil, avaliando o risco de novos desprendementos ou afeccións derivadas de avenidas do río Sil.

“Estudarase, polo tanto, a saúde xeolóxica do monte e do túnel, tendo en conta o esborralle masivo que se vén producindo dende finais do século XX”, concluíu Quiroga.

 

⚙ Configurar cookies
0.073714017868042