Un polígono de máis de 50 hectáreas implantarase na parroquia de Ver de Bóveda

RibeiraSacraXa
Un polígono de máis de 50 hectáreas implantarase na parroquia de Ver de Bóveda grazas a un acordo coa consellería de Medio Rural
bóveda
11 Apr 2023

O Concello de Bóveda contará cun polígono agroforestal, concretamente na parroquia de Ver, ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

Así o fixo público a Xunta, a través do Diario Oficial de Galicia (DOG), onde aparece o acordo da Consellería do Medio Rural polo que se inicia o procedemento de aprobación para o desenvolvemento dese polígono agroforestal de iniciativa pública.

O polígono constará de 51,97 hectáreas cunhas 292 parcelas de 200 propietarios, que se prevén destinar a gandaría e a cultivos forraxeiros ou herbáceos.

Deste xeito, a Consellería do Medio Rural, en colaboración co Concello, e tras abrir un período de información ou actuacións previas co fin de coñecer as circunstancias do caso, resolveu a conveniencia de iniciar dito procedemento.

O obxectivo do polígono

A finalidade desta infraestrutura será poñer en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha acaída actividade de explotación agrícola ou forestal, así como mellorar a estrutura territorial de explotacións xa existentes ou a posta en marcha de novas iniciativas produtivas.

Tamén prevé o desenvolvemento de áreas que contan con valores ambientais, patrimoniais ou paisaxísticos e nas que os procesos de abandono están a deteriorar eses valores. Así, a finalidade da iniciativa será a de facer compatible o aproveitamento produtivo coa salvagarda dos seus valores.

Actualmente, existe unha situación produtiva cun estado de abandono ou infrautilización dun mínimo do 50% da superficie de terras do polígono agroforestal, polo que se lle dá carácter preferente para recuperar as terras acaídas en zonas de producións acollidas a indicacións xeográficas protexidas e denominacións de orixe, así como para producións que estean a optar a ese recoñecemento ou calquera outra marca de garantía de calidade.

Polígono agroforestal de Bóveda
0.14601492881775