Un perreo transcendental
Por Rebeca Maseda
O título do artigo soa a chiste verdade? Pois non o é. Como xestora cultural formo parte de varios proxectos, entre os cales se atopa Ensemble Sonido Extremo. Un conxunto de intérpretes de primeiro nivel -tanto no artístico como no humano especializados/as no ámbito da música contemporánea, da nova creación. Como responsable de coordinación e produción desta marabillosa formación, tiven a honra e o pracer de participar na estrea da ópera “La Paz Perpetua”. Pero antes de contarvos de que vai o asunto, quixera expresar con toda a sinceridade do mundo, o máxico e especial que é presenciar o nacemento dunha nova obra, unha ópera neste caso concreto, onde a sinerxía entre música e literatura se volve perfecta. Un parto artístico sempre é complexo, moitas horas de traballo e preparación -o que a veces tamén se traduce inevitablemente nalgúns momentos de tensión-, tomar decisións que non gustan a todos/as... En fin, que como xa sabedes, non hai parto sen dor. Iso si, cando xa podemos albiscar o final do camiño e as engrenaxes están a funcionar ben, a ledicia e satisfacción é tal, que as emocións positivas inundan o ambiente, dándolle un sentido a todas as experiencias vividas.
Pois ben, o feliz nacemento tivo lugar o pasado 25 de novembro no Teatro López de Ayala de Badajoz dentro do programa “Ópera Joven”. Dito isto, de que vai “La Paz Perpetua”? Atentos/as á sinopse porque non deixa a ninguén indiferente: Tres cans, Emmanuel (pastor alemán), Odín (rottweiler impuro) e John-John (palleiro) son elixidos polassúas calidades para optar a formar parte dun equipo de loita antiterrorista de elite. Nun lugar secreto sométense a unha serie de probas que decidirán quen dos tres
formará parte do K9. A primeira proba mide a súa capacidade olfactiva. A segunda é un exame psicotécnico e a terceira unha entrevista persoal. O condutor das probas é outro can, Casius (labrador), un vello heroe na loita antiterrorista, cheo de cicatrices e feridas de combate. Con eles atópase unha muller, á que chaman sinxelamente “Humano”. Os tres cans superan con moi boa puntuación as tres probas e deben someterse a un cuarto desafío como desempate. O Humano exponlles un dilema ético e cada can reacciona dun xeito diverso concluíndo nun tráxico final.
Non me digades que non é absolutamente xenial...!!! Os creadores desta fantasía de ópera son o compositor José Río-Pareja (Barcelona, 1973) -autor da música- e o dramaturgo Juan Mayorga (Madrid, 1965) -autor do libreto baseado na súa obra de teatro homónima-. Quixera deixarvos por aquí algunhas reflexións interesantes dos nosos protagonistas:
«Desde a primeira lectura de “La Paz Perpetua” sentinme atrapado polas posibilidades musicais dun texto que, a través de tres cans e un conxunto de probas inverosímiles a superar, cuestiónannos sobre o terrorismo, o fráxil equilibrio entre a idealización dos obxectivos e os valores éticos, a violencia física ou o uso da palabra, e mesmo a existencia ou non existencia de Deus. A cada parágrafo, novas preguntas
musicais “mordíanme” como compositor á vez que me confirmaban a potencialidade dramática do texto».
«Descubrín as personaxes de “La Paz Perpetua” nun aeroporto, con buceira e correa, atentos a calquera sinal sospeitoso. Ao ver aqueles cans policía, obedientes e ameazantes, pregunteime que pensarían -si: que pensarían- sobre a guerra na que estaban a participar, e decidín compoñer esa peza que aboca á vella pregunta sobre o mal necesario: “Pódese -ou débese- facer un mal para obter un ben?”. Non escribín a obra para responder a esa pregunta, senón para exporlla aos espectadores/as».
Só podo rematar esta humilde homenaxe a “La Paz Perpetua” con estas sabias -e á vez desoladoras- palabras do gran Mayorga:
«Distinguir o xusto do inxusto; iso só pode facelo hoxe o corazón dun can».